Gamallo visita no Salvador proxectos de cooperación que apostan pola pesca artesanal e o turismo sostible

Jesús Gamallo no Salvador
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, acompañado da subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, coñeceron de primeira man o proxectos de pesca artesanal, turismo sostible e comunicación comunitaria que se levan a cabo grazas ás axudas da Xunta no Salvador, e mantiveron unha xuntanza co embaixador español no país, Francisco Rábena e o Coordinador da Cooperación Española, Ignacio Nicolau.
No Salvador, o director xeral visitou os proxectos que as ONGD galegas Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) teñen na zona do Bajo Lempa, ao sur do país, onde leva traballando a favor do desenvolvemento con financiamento da Xunta desde 2007, co redor de 1,4 millóns de euros investidos no últimos oito anos.
Na actualidade, ACPP e Agareso executan en Honduras un proxecto con financiamento galego, que buscan que as cooperativas de pescadores e mariscadoras poidan mellorar as súas prácticas artesanais e sexan conscientes da importancia de preservar os seus recursos naturais. Ao redor deste proxecto centrado na pesca tamén se entroncan outras actividades que pretenden potenciar as cooperativas de turismo rural, as artesanías e os medios de comunicación comunitarios. Todas as accións baixo un mesmo paraugas, que a poboación estea organizada, empoderada, formada e sensibilizada para poder ser protagonista do seu propio desenvolvemento. Entre ambas organizacións, xunto coa súa socia local CORDES, xestionan 225.000 euros, entre o 2015 e o 2016, resultado da última convocatoria realizada por Cooperación Galega para ONGD en concorrencia competitiva.
O director xeral mantivo tamén una xuntanza con representantes das 25 cooperativas de pescadores que integran o proxecto no na Federación de Cooperativas de Pescadores Artesanales (FECOOPAZ) no municipio de San Luis la Herradura, equipado tamén pola Xunta. Nesta reunión os pescadores e pescadoras comentáronlle os avances que supuxo para eles as formacións en técnicas de pesca, en conservación do produto e en comercialización que recibiron nos últimos anos, ao mesmo tempo que agradeceron o esforzo dos contribuíntes de Galicia por equipalos con mellores barcas e redes para poder seguir saíndo ao mar. Ao mesmo tempo destacouse a importancia do enfoque de xénero e da presenza de cada vez máis mulleres en postos relevantes.
Tras o encontro, Jesús Gamallo xunto a Pilar Romero desprazáronse a Illa Tasajera, un enclave protexido, onde puideron comprobar a gran organización comunitaria que existe en torno á promoción do turismo e a protección das tartarugas mariñas, en perigo de extinción. O director xeral e a subdirectora colaboraron na liberación de 210 exemplares que tiñan menos de 24 horas de nados. O tortugario, financiado a través do proxecto, non é só un instrumento para protección da fauna senón tamén un importante reclamo turístico. Tras a liberación, asistiron a unha reunión cos comités turísticos e artesáns onde lles explicaron os beneficios da organización comunitaria en torno ao turismo, a defensa do seu territorio e a produción de artesanías creadas con grans e conchas propias da illa. Todas estas iniciativas lideradas por mulleres.
Gamallo expresou a súa satisfacción polos avances alcanzados nas comunidades a través do proxecto, pola evolución do mesmo cara iniciativas máis alá da pesca artesanal, pola implicación das mulleres emprendedoras e pola seriedade e cariño que percibiu no traballo realizado tanto polas ONGD galegas ACPP e Agareso, como polos seus socios locais.











