Fórum Metropolitano e Ágora ofrecen unha fin de semana marcada polas artes escénicas en familia
A concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento programa para o sábado, 21 de novembro, e para o domingo, día 22, tres citas culturais dirixidas a todos os públicos no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora. A programación estable de artes escénicas da área que dirixe José Manuel Sande achegará nesta fin de semana espectáculos de música, teatro e circo dirixidos ás familias coruñesas.
O sábado o Fórum Metropolitano acollerá ás 18.30 horas a representación do espectáculo Alí Babbá , de Barobil Teatroa. O actor protagonista, Asier Sota, gañou o premio ao mellor intérprete solista en FETÉN 2015 con este papel. A obra narra o coñecido relato persa de Alí Babá e os corenta ladróns , do texto As mil e unha noites , e forma parte do ciclo ‘Todo Público’, dirixido ás primeiras idades e á adolescencia. A peza está recomendada para nenas e nenas desde o 5 anos e as entradas teñen un custo de 6€ en venda anticipada. O abono 3 familiar (inclúe como mínimo a un adulto e un menor) é de 15 €, e os menores de 3 anos que non ocupen asento non pagarán entrada. Pola súa banda, o centro Ágora acollerá o mesmo sábado 21, ás 21.00 horas, a representación de Deshábitat, da compañía andaluza Vaivén, un espectáculo de teatro xestual, acrobacias, coreografías circenses, danza e flamenco que atopa no humor o seu fío condutor. Unha historia que, a través do movemento, amosa a procura de catro personaxes dun espazo común. A entrada son 12€ en venda anticipada (agás para as persoas desempregadas, con carné xove ou maiores de 65 anos, que é de 10€). O abono familiar, 3 asentos na para o mesmo espectáculo, é de 27€.
O domingo será a quenda de ‘Bebescena’, que se complementa con ‘Todo Público’. O ciclo do centro Ágora, dirixido a nenas e nenos de 0 a 3 anos, ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento de sensibilidades e hábitos de convivencia dos bebés. Esta semana a proposta será dos investigadores do folclore galego Xabier Díaz e Guillerme Fernández. Os músicos achegarán con ‘Arrolos de salitre’ repertorio tradicional e do seu propio arquivo ás familias asistentes, e farán que sexan partícipes del ao recuperar no mesmo auditorio a tradición de adormecer as e aos pequenos co seu canto. Aínda quedan entradas (6€) e abonos (para tres membros dunha familia por 15€) dispoñibles para o espectáculo.
As entradas poden adquirirse nos puntos habituais, na praza de Ourense (de luns a venres, excepto festivos) de 9.30 a 13.00 horas de 16.30 a 19.30 horas, na sede de AFundación (de luns a sábado, de 09.00 a 21.00 horas) e nos despachos de billetes do Fórum Metropolitano e Centro Ágora desde unha hora antes de cada espectáculo (se quedan entradas) ademais de no servizo de televenda 902502500 (de luns a sábado, de 08.00 a 22.00 horas) e na web www.ataquilla.com .











