Ferreiro: “Na remodelación da Vedra xogámonos o modelo de cidade que queremos para os próximos 20 ou 30 anos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou este martes, con respecto ao proxecto de remodelación de Alfonso Molina que “cada vez máis, se vai notando na cidade a necesidade de que este plan se aborde con calma, e que estudiemos e reflexionemos moi ben sobre o que queremos para esta avenida, xa que nos xogamos a forma na que se organizará a nosa cidade nos próximos vinte ou trinta anos”. O rexedor tamén se felicitou polo feito de que o Pleno municipal aprobase onte unha moción a favor da “humanización” da Vedra e que aposta por levar a cabo un fondo proceso de diálogo entre o Concello e o Ministerio de Fomento á fin de escoller a opción que máis conveña á veciñanza.

“Este tema merece un debate moi reflexionado e pausado, e que non intentemos tirarnos uns a outros a avenida á cabeza, porque do que falamos é do interese da cidade, é de decidir que tipo de cidade queremos”, insistiu. “Por iso deberiamos ser quen de falar e chegar a consensos”, indicou.

Por outro lado, e preguntado polos xornalistas na súa participación nunhas xornadas sobre estratexia empresarial en Palexco, o rexedor apuntou que o Goberno local espera manter contactos esta semana con Fomento acerca do grupo de traballo conformado por técnicos municipais e do Ministerio para analizar os proxectos de remodelación do vial e ver como se organizará. “Repito que en Fomento sempre vin sensibilidade ata este último informe, que curiosamente non estaba feito en Madrid, senón na Coruña. Temos que sentarnos e falar, xa que todos e todas somos xente razonable”, dixo Ferreiro.

10 de novembro de 2015 | 19:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.