Ferreiro inaugura en María Pita a exposición da Sociedade Filatélica

Inauguración da exposición
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participaron esta tarde na inauguración da exposición da Sociedade Filatélica coruñesa na sala reservada para tales eventos en María Pita. A tempada de exposicións no pazo municipal clausúrase con esta mostra que, nesta edición, está dedicada ao 75 aniversario da posta en marcha das instalacións de Radio Nacional de España (RNE) na Terraza. Ao acto acudiu tamén o presidente da Sociedade Filatélica da Coruña, José Luis Rey, así como o coordinador de exposicións, Jaime Oiza.
O rexedor destacou a importancia cultural e didáctica que ten a filatelia. “Os anos de crise serviron para que moitos gobernos deixasen nun segundo plano as manifestacións culturais e descoidasen o máis importante que ten un pobo para crecer e ter futuro: a súa educación”, indicou. “Pero tamén en todos os períodos de crise houbo formas de seguir a difundir a historia e a cultura. Aínda que non moitas veces recoñecida como se merece, a filatelia cumpriu esa función. Dende o seu nacemento, alá polo século XIX, ata os nosos días, os selos, tiveron, ademais da súa función postal e como servizo de pago, unha capacidade de difusión cultural, e incluso de homenaxe, que é significativa”, manifestou. Ferreiro tamén quixo destacar que, este ano e tendo en conta a vertente xornalística que vén aparellada ao longo da historia co mundo da filatelia, por difundir sempre feitos ligados a actualidade de cada épocao motivo da exposición da Sociedade Filatélica “non podía ser outro que o 75 aniversario da inauguración das instalacións de Radio Nacional de España na Terraza, un 30 de maio de 1940”. “Segundo as referencias da época, foi un día en que a emisión, con concertos dende o Teatro Rosalía, dedicouse por entero a Galicia”, evocou o primeiro edil.
O alcalde convidou a todos os veciños e veciños a achegarse a esta última exposición do ano en María Pita, que poderá visitarse ata o próximo día 29 de novembro, e que non só estará conformada por selos, senón tamén por instrumentos relacionados co mundo da radio. Tamén agradeceu aos e ás filatelistas a súa colaboración ao poñer a disposición da cidadanía as súas coleccións, “porque a cultura e o coñecemento, se non se comparten, non cumpren a súa función”.











