Ferreiro destaca que os intereses que se teñen que defender na Vedra son os da cidadanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou hoxe, logo de coñecerse en prensa os pormenores do convenio entre o Ministerio de Fomento e a concesionaria da AP9 (Audasa), do que se deriva o financiamento das obras de remodelación da Avenida da Vedra, que “se confirma o que o Goberno local levaba tempo dicindo”. “Cando se di que as obras as paga Audasa, o que se debe dicir, en realidade, é que as pagamos todos e todas as veciñas, a través da peaxe, que subirá para compensar os gastos por esa ampliación que pretende o ministerio”, explicou o rexedor. “Nós entendemos que, se imos ser os que, en último termo, financiemos as obras, debemos ser tamén os que decidamos que modelo queremos”, argumentou. “Non se pode hipotecar o futuro desta cidade simplemente para mellorar o servizo de Audasa, e que esta empresa poida vender que ao centro da Coruña se chega a través dunha autopista”, engadiu.

“Isto, que será beneficioso para Audasa e que lle permitirá ter unha autopista que chegue ata o centro, só incrementará os problemas para os veciños e veciñas da zona, para os barrios e para todo o sistema de interconexión da cidade”, destacou o alcalde, quen tamén salientou que, a proposta do Concello da Coruña de “humanizar” a vía, fomentando as formas alternativas e públicas de mobilidade, “cada vez acada un maior consenso”. “Temos que deseñar A Vedra como unha auténtica avenida urbana e solucionar os problemas de tráfico.

Creo que de isto non se falou aínda o suficiente: o proxecto do Goberno local dá solucións a moitos destes problemas de tráfico, como é o caso dos accesos a Pocomaco, ou o propio enlazado da saída da autoestrada”. “Cremos que é moi necesario seguir traballando para atallar estas cuestións. Nos estamos abertos a traballar conxuntamente con Fomento, pero os intereses que se defendan deben ser os da cidadanía, non os de Audasa”, insistiu. “Paréceme un abuso que despois de máis de trinta anos, sigamos a ampliar a concesión da AP9 e sigamos a ampliar o custo das peaxes. Repito que se se está a facer negocio, temos a responsabilidade de esixir que esa inversión, que sairá dos nosos petos a través da suba da peaxe, vaia destinada á cidade que queremos”, reflexionou o primeiro edil.

Ferreiro apuntou, nesta liña, que “se o Concello ten que asumir unha parte das expropiacións de terreos que se teñan que levar a cabo para realizar a remodelación da Vedra, o normal é que tamén poida tomar decisións”. “Cremos que, a estas alturas, aínda hai marxe para humanizar Alfonso Molina, porque cada vez o consenso ao redor do noso proxecto é maior.

O que lle pido ao PP é que tamén trate de chegar a entendemento, que non use este tema como unha arma electoral e demagóxica. Non estamos ante unha cuestión de Goberno. Á proposta do Concello sumáronse os outros grupos da oposición, asociacións de veciños, os urbanistas…pero parece que hai quen se empeña quedar fóra do consenso”, resumiu.

11 de novembro de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.