Ferreiro afirma ante representantes empresariais que neste novo tempo os negocios serán sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, interviu este martes na inauguración da xornada ‘A estratexia empresarial ante o mercado global’ organizado polo Banco SabadellGallego no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco). Nese marco, o rexedor recordou aos e ás empresarias reunidas neste foro que “a empresa non pode ser allea a unha sociedade que sofre ou que se sinte desconectada ou olvidada polas estruturas capaces de crear riqueza e progreso”. O primeiro edil coruñés advertiu de que “nestes tempos, por fortuna cambiantes, os negocios serán sociais ou non serán”. “Hai moito en xogo. É tempo de responsabilidade e de xenerosidade”, destacou.

Ferreiro destacou o feito de que a empresa vive un período de expansión internacional. “Están vostedes nunha cidade que sabe de expansión comercial, que sempre foi ambiciosa e que ten unha proxección ao exterior como poucas”, dixo, no seu discurso inaugural. “Talvez como paradoxo, A Coruña forma parte dunha terra que determinada visión converteu en periférica, aínda que a realidade é que está no centro. Poucas urbes con tanto pulso expansivo e cunha ubicación xeográfica como esta encontrarán en Europa”, explicou, á vez que recordou o potencial da Coruña polas súas vías marítimas e polo feito de estar conectada con Londres, Lisboa ou Barcelona a menos de dúas horas por aire. 

O alcalde quixo destacar tamén a tradición que ten a cidade no que atinxe á expansión comercial, aínda que “nisto, e non imos negalo, hai dúas caras”. “Temos empresas que marcan tendencia nese sentido, pero tamén padecimos aquí a desfeita de que a saída cara fóra baseada na especulación e no xogo revolto provocase un enorme burato nunha entidade financeira propia, algo que por desgraza aínda estamos a reparar entre todos e todas. Por iso, volvo recorrer á responsabilidade social”, declarou.

“Vivimos tempos novos, con cicatrices e feridas aínda abertas por mor da crise económica e do dubidoso reparto de cargas con que se xestionou a mesma. Tamén tempos de ilusión. En foros do máis alto nivel empresarial, como algún que tivo lugar na Coruña hai unhas semanas, escoitanse críticas aos vicios estruturais que crearon unhas fendas que vai sendo hora de pechar. A cidadanía é agora unha prioridade”, resumiu o alcalde, quen agradeceu ao SabadellGallego ter organizado esta xornada na cidade da Coruña.

10 de novembro de 2015 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.