Ferreiro: “A negociación do convenio do Porto co Concello está nos documentos”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, confirmou na mañá deste xoves que a Autoridade Portuaria negociará co Concello as novas condicións do convenio a redactar en relación á urbanización dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, tal e como avanzaba onte o Goberno municipal ao remate do Consello de Administración do Porto de onte. “O Plan de Empresa que presenta o Porto, e que se aprobou, di nunha ficha, ‘convenio a negociar co Concello da Coruña’. Non é que se falase ou se deixase de falar, é que está nos documentos”, subliñou o rexedor, que vinculou a decisión tomada onte polo ente portuario ao que o Ministerio de Fomento trasladou ao Concello no seu momento, na reunión do 15 de setembro en Madrid. “O que falamos coa ministra de Fomento é que non pode haber desenvolvemento urbanístico nesas zonas se non hai acordo co Concello, o cal é evidente porque a potestade planeadora é do Concello da Coruña”, recordou Ferreiro.
A este respecto, o alcalde reafirmou a posición do Goberno coruñés sobre a urbanización dos peiraos interiores para financiar a obra do Porto Exterior que contemplaba aquel convenio asinado en 2004 polo Goberno local do momento e o Ministerio de Fomento. “Preocúpanos o impacto que pode ter na cidade, no urbanismo, na planificación, na fachada marítima, no comercio local…. Esta é a nosa preocupación desde o principio e o segue sendo. Aquí, como noutras moitas cousas, creo que o Porto e o Concello deberiamos ir da man, intentar evitar polémicas e traballar xuntos polo ben da cidade e o ben do porto, que será o mesmo, en principio”, salientou.











