Expourense organiza unha nova edición dos Premios “Líderes en Calidade”

Premiados como “Líderes de calidade” no 2014
“A calidade que vén”. Este é o lema do Día Mundial da Calidade 2015 que terá lugar este xoves 12 de novembro e que, como é habitual nos últimos anos, Expourense celebrará organizando unha Xornada de Exaltación que inclúe a entrega dos Premios “Líderes en Calidade” a empresas e institucións galegas recoñecidas por ser un modelo a seguir nos seus respectivos sectores e das que destaca o seu compromiso coa Calidade e co Medio Ambiente. Esta xornada enmárcase nos actos da XXI Semana Europea da Calidade.
Esta iniciativa conta co apoio do IGAPE e ten como obxectivo sensibilizar tanto a empresas privadas como a entidades públicas da necesidade de incorporar aos seus modelos de xestión as directrices da calidade, co fin de prestar servizos eficientes e acadar a satisfacción do cliente. Deste xeito, poténciase a existencia de empresas e administracións competitivas nun escenario globalizado.
Esta xornada inclúe unha mesa de apertura que participan catro recoñecidos profesionais no eido da calidade que analizarán o lema deste Día Mundial da Calidade “A calidade que vén”. Participarán o director de AENOR en Galicia, Martín Pita; o director xeral do Grupo HPS e de Serviguide, Manuel Galán; o director técnico de Galicia Calidade, Javier de Miguel e o director xerente de Expourense como entidade que promove o único acto celebrado en Galicia con motivo deste día, Alejandro Rubín.
A través do lema deste ano analizarase o valor engadido que a calidade achega a un negocio e cómo contribúe a vertebrar ás organización empresariais ao mesmo tempo que fornece a súa competitividade e as axuda a sincronizarse co novo esceario económico. Os novos parámetros que esixe a calidade nas empresas e organizacións inclúen: liderado, estratexia, cultura, innovación, atención ó cliente, localización de grupos de interese, etc.
V Premios Líderes en Calidade
Por quinto ano consecutivo, un xurado integrado polo Comité Executivo de Expourense, a entidade de certificación AENOR e a consultora Serviguide, apostan por entregar os premios “Líderes en Calidade” a empresas e entidades galegas. Éstas pertencen aos sectores que máis preocupan ao cidadán como son a Alimentación, a Sanidade, a Educación ou o Medioambiente-Sustentabilidade; pero tamén ao empresario como é o caso da internacionalización, nun momento no que contar con estas certificacións convértese nun requisito case imprescindible á hora de exportar o produto.
A xornada comprenderá unha presentación de cada empresa ou institución distinguida sobre a súa experiencia ao incorporar a calidade ao seu modelo de xestión. Con esta acción, o Padroado de Expourense pretende contribuir a poñer en valor o esforzo das organizacións que se dotan de sistemas que lles permiten competir mundialmente, independentemente da súa dimensión, e que poden servir de modelo a outras empresas.
As entidades elixidas como “Líderes en Calidade” polo Comité Executivo de Expourense no 2015 son:
* Sector Alimentación: Artesanos Gallegos de la Carne (Lugo).
* Sector Sanitario: AXEGA – Axencia Galega de Emerxencias 112 (con sede en Santiago de Compostela).
* Internacionalización: ICEACSA Grupo (A Coruña).
* Sector Educación: Colegio Lar (Vigo).
* Medioambiente: Ataúdes Gallego (Piñor de Cea – Ourense).
O horario desta xornada será de 11.00 a 13.00 h. A entrada é libre pero require de inscrición previa a través de expourense@expourense.org ou do número de teléfono 988 36 60 30.
Con esta actividade xa habitual no calendario de eventos de Expourense, a Fundación contribúe a cumprir os seus obxectivos anuais que pasan por fomentar entre as empresas en particular e o resto da sociedade en xeral: a Internacionalización, aCalidade, a Innovación, Emprendemento e a Formación.











