publicidade hoxe

Exposición fotográfica e presentación de Cistercium Experientia en Meira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMeira
A-
A+

O vindeiro sábado 28 de novembro de 2015 celebrarase o evento cultural que leva como título “EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA E PRESENTACIÓN DE CISTERCIUM EXPERIENTIA”. A exposición fotográfica “AS PINTURAS MURAIS NO MOSTEIRO DE STA. Mª DE MEIRA” poñerá de manifesto esas representacións pictóricas medievais que se atopan fóra da vista pública.

Co gallo da restauración da Capela das Reliquias e das pinturas do S.XVII que alberga, poderanse ver tamén as representacións artísticas da Sala da Antetribuna, a cal non ten acceso ó público, así como tamén imaxes das cruces procesionais de Meira dos séculos XII, XV e XVII, custodiadas actualmente no Museo Diocesano de Lugo así como das táboas da sillería do Coro Baixo.

Ese mesmo día farase a exposición do proxecto “CISTERCIUM EXPERIENTIA” creado pola ACIGAL (Asociación de Mosteiros do Císter en Galicia) e que engloba os 15 mosteiros cistercienses galegos (o de Meira incluído) nun itinerario cultural, turístico e educativo.

Este proxecto e asociación xurdiron como consecuencia da inclusión dos mosteiros galegos no Itinerario Cultural Europeo das Abadías Cistercienses, baixo o amparo da Carta Europea de Abadías Cistercienses.

O evento ocupará todo o día incluíndo o xantar, unha visita ó Pedregal de Irimia e finalizará coa visita ao Mosteiro de Penamaior (Becerreá), integrante do antedito proxecto. Para estes desprazamentos haberá un autobús a disposición do público participante.

10 de novembro de 2015 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.