Eutanasia para a tigresa Duches de Vigozoo
O equipo veterinario de Vigozoo decidiu aplicar este luns a eutanasia á tigresa Duches, enferma de cancro desde hai meses, e cuxa saúde se deteriorou nas últimas semanas, chegando a unha situación irreversible.
Segundo explicaron fontes municipais, a tigresa fora trasladada hai uns meses ao Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo para extirparlle un tumor na pel. Naquel momento descartouse a metástase coa realización dun TAC.
Desde entón, Duches estivera no zoo vigués, seguindo tratamento de quimioterapia e baixo supervisión dos veterinarios, pero nas últimas semanas comezou a perder peso de forma paulatina. Nos últimos dez días, deixou de alimentarse e chegou a pesar un terzo do que correspondería a un exemplar das súas características.
Por iso, e dado que a súa situación era irreversible, os técnicos optaron por aplicarlle a eutanasia para evitar sufrimentos innecesarios ao animal. Así mesmo, o Concello informou de que, unha vez explorada, detectóuselle unha úlcera gástrica, que será analizada.











