Ethel Vázquez reúnese con alcaldes de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña para abordar a situación da Vía de Altas Prestacións Costa Norte
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, reuniuse hoxe con alcaldes e concelleiros das comarcas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña, un total de 17 representantes municipais, para abordar conxuntamente a situación da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte.
A responsable de Infraestruturas da Xunta de Galicia concretou que, neste momento está en plena execución o treito da vía de altas prestacións entre Celeiro e San Cibrao, que contribuirá a reforzar a competitividade do porto de Viveiro e aliviará a circulación no centro de Xove, ao retirar o tráfico pesado das súas rúas, está en obras.
Vázquez lembrou que, neste momento, está en servizo a Variante de Ortigueira, aberta no ano 2013.
A conselleira informoulles que o Grupo Parlamentario Popular trasladou a súa intención de presentar unha emenda aos Orzamentos de 2016, que permitirá destinar 400.000 adicionais a avanzar nas expropiacións necesarias para esta vía.
A través desa partida, a intención do Goberno galego é comezar o proceso expropiatorio polos primeiros tramos desde Ferrol da vía de altas prestacións, empezando polo tramo San Sadurniño-Sanguiñeira, por ser este o que aglutina maior densidade de tráfico e que conecta coa autovía Ferrol-Vilalba.
Na xuntanza, analizáronse as contas autonómicas, que recollen ademais 6,2 millóns para o remate do treito Celeiro-San Cibrao desta VAP, xa que o principal obxectivo desta reunión cos alcaldes é trasladarlle que no Goberno galego segue traballando para dotar aos veciños das comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrolterra dunha rede de estradas segura e eficiente, que contribúa ao desenvolvemento e ao incremento da competitividade destes territorios.
Por último, durante a reunión acordouse manter unha nova reunión en marzo de 2016 para concretar as actuacións seguintes.











