Ethel Vázquez destaca a importancia de manter as estradas en óptimas condicións para incrementar a seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Ethel Vázquez destaca a importancia de manter as estradas en óptimas condicións de circulación para incrementar a seguridade e comodidade dos cidadáns. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda interveu hoxe na xornada técnica ‘Operacións de conservación nun contorno seguro’, que tivo lugar na Escola de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Coruña.

Vázquez salientou que Administracións, enxeñeiros, técnicos, empresas e operarios deben traballar a prol deste obxectivo común de mellorar as infraestruturas viarias, minimizando os posibles riscos, ofrecendo as mellores prestacións aos usuarios e, incidindo, en definitiva, nunha maior mobilidade e servizos.

A conselleira lembrou que pese ás restricións orzamentarias no marco da situación de crise económica, a Xunta sempre situou a conservación das estradas e a mellora da seguridade viaria como unha das principais liñas de traballo. Neste sentido, precisou que o Goberno galego fixo esforzos para que o mantemento das estradas e o reforzo das condicións de seguridade se mantivese como unha absoluta prioridade nos Orzamentos da Consellería. 

A Xunta xa ten en marcha o Plan de Vialidade Invernal nas provincias de Lugo e de Ourense e a partir do día 15 tamén estará plenamente operativo nas provincias da Coruña e de Pontevedra.

Estas accións garanten que os galegos, a pesar das condicións meteorolóxicas adversas, poidan acudir aos seus centros de traballo, a unha cita médica no hospital, ou desprazarse ao seu lugar de estudos nas mellores condicións de circulación.

Estes operativos están integrados por un equipo de 450 persoas que traballan as 24 horas do día e os sete días da semana para que nin a vida ordinaria dos cidadáns nin a actividade económica se vexan afectadas.

11 de novembro de 2015 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.