Está aberto o prazo para inscribirse na saída micolóxica do 14 de setembro
Coincidindo coa celebración da festa do Magosto en Ames, a concellaría de Medio Ambiente organiza unha saída para recoller cogomelos que se desenvolverá na mañá do sábado, 14 de novembro. As persoas que desexen participar desta actividade poden inscribirse chamando ao teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org. Hai 48 prazas que se adxudicarán por orde de inscrición.
Previa a esta saída micolóxica, o profesor Sergio Rojo Martínez do grupo de actividades medioambientais Arenaria Coordinación, será o encargado de dirixir unha charla coloquio sobre os cogomelos que terá lugar o venres, 13 de novembro, ás 19:00, na Cultura de Bertamiráns.
Nesta charla analizaranse as especies máis facilmente recoñecibles, tanto as comestibles como as que nunca se deben inxerir, e impartiranse as nocións básicas para recoñecer os cogomelos máis comúns da nosa contorna e así poder gozar sen perigo da recollida destes froitos de outono. Todas as persoas que o desexen poden acudir a esta charla coloquio, dado que a entrada é libre ata completar aforo.
Porén, para participar na saída micolóxica que terá lugar na mañá do sábado, 14 de novembro, si que hai que inscribirse, posto que as prazas están limitadas a 48. As persoas que o desexen deben facelo a través do teléfono e do correo da Aula da Natureza 660 004 665 e auladanatureza@concellodeames.org. As prazas outorgaranse por orden de inscrición.
A saída para recoller cogomelos terá lugar durante a mañá deste sábado. Os participantes reuniranse en dous puntos de encontro: ás 10:00 horas da mañá na praza do Concello, en Bertamiráns, e ás 10:15 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.
A identificación e a clasificación dos cogomelos, que se recollan nesta saída, farase no transcurso da Festa do magosto, que se desenvolverá este sábado na praza de Manuel Murguía do Milladoiro a partir das 17:00 horas. Unha vez realizado este trámite de identificación e clasificación, os cogomelos permanecerán expostos durante a festa.











