Ence planea investimentos por 662 millóns de euros ata 2020
Ence planea investimentos por un total de 662 millóns de euros no seu plan estratéxico 2016-2020, ao tempo que prevé lograr un resultado bruto de explotación (Ebitda) de 367 millóns de euros en 2020, o que supón un 82% máis que o previsto para este ano, que sitúa en 201 millóns de euros.
Así consta no seu plan estratéxico remitido este xoves á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), no que a compañía asegura que manterá unha “atractiva” remuneración o accionista de acordo co aumento de ingresos e a xeración de fluxo de caixa.
Do total de investimentos, Ence destinará 337 millóns de euros ao negocio de celulosa, que situará o seu Ebitda en 289 millóns de euros en 2020, e outros 325 millóns ao negocio de enerxía, cun Ebitda previsto de 78 millóns de euros en 2020.
A compañía prevé lograr este ano un Ebitda de 201 millóns de euros nun escenario corrente (co prezo da celulosa en 800 dólares por tonelada), dos cales 169 millóns corresponden ao negocio de celulosa e os 32 millóns restantes ao de enerxía.
Nun escenario conservador, é dicir co prezo da celulosa inferior (720 dólares por tonelada), a compañía prevé alcanzar un Ebitda de 111 millóns de euros ao peche deste ano e de 209 millóns de euros en 2020.











