Ence ganou 35 millóns de euros ata setembro fronte a perdas de 140 millóns de hai un ano
Ence obtivo un beneficio neto de 35,1 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano, fronte ás perdas de 139,7 millóns de euros rexistradas no mesmo período do exercicio anterior, informou a compañía. O resultado bruto de explotación (Ebitda) axustado do grupo a setembro aumentou un 250%, ata os 141 millóns de euros. O Ebitda axustado do terceiro trimestre situouse en 56 millóns de euros, o maior dos últimos cinco anos.
Ence destacou que na mellora dos seus resultados desempeñou “un papel destacado” a redución de custos de produción do 11% lograda. As vendas totais do grupo papeleiro e enerxético ascenderon a 525,7 millóns de euros no período de xaneiro a setembro, un 7% menos.
A facturación do negocio de celulosa a setembro alcanzou os 416 millóns de euros, un 14% menos debido a volumes un 27% inferiores tras o peche da planta de Huelva o pasado mes de outubro, e á maior duración da parada de mantemento de Navia polos investimentos correspondentes a melloras de eficiencia e á primeira fase dunha ampliación de capacidade de 40.000 toneladas. Axustando estes factores, os volumes de produción crecerían un 3% no ano.
O conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, sinalou que os resultados do período reflicten que o plan de mellora da competitividade posto en marcha “está a ser un éxito” e encamiña ao grupo ao cumprimento do ambicioso obxectivo marcado para alcanzar os 200 millóns de Ebitda axustado en 2015.
Así mesmo, no período xaneiro-setembro a compañía seguiu mellorando a súa capacidade de xeración de caixa operativa. En concreto, ascendeu 85,3 millóns de euros, impulsada polo maior prezo da celulosa e o aumento das vendas de electricidade.
Ence pechou a finais do pasado mes de outubro o refinanciamento do bono que emitiu en febreiro de 2013 mediante unha nova emisión de 250 millóns de euros ao 5,375% con vencemento en novembro de 2022 (o bono de 2013 tiña tipo do 7,25% a un prazo de sete anos).
Así mesmo, o pasado 7 de outubro a compañía fixo efectiva a xa anunciada distribución dun dividendo a conta con cargo aos resultados do 2015 de 0,044 euros brutos por acción.











