Decrétase o ingreso en prisión para o mozo que supostamente acoitelou á súa nai en Vigo
O xulgado de instrución número 3 de Vigo decretou o ingreso en prisión, comunicada e sen fianza, para o mozo de 27 anos de idade, suposto autor da morte da súa nai, á que acoitelaría nun domicilio da cidade olívica. Segundo confirmaron fontes xudiciais, a maxistrada Marisol López imputou ao rapaz un suposto delito de asasinato.
Os feitos aconteceron na noite do pasado domingo ao luns, cando o rapaz atacou a súa nai cun coitelo, causándolle a morte. O propio mozo acudiu á casa dunha veciña e confesou o que fixera.
Ata a vivenda, nun edificio da rúa Zamora, desprazáronse efectivos policiais e sanitarios, que non puideron facer nada pola muller, María Inmaculada C.R., de 56 anos de idade. Fontes policiais confirmaron no seu día que a vítima vivía unha situación familiar complicada e que mesmo solicitara unha orde de afastamento doutro dos seus fillos.
O presunto autor do crime foi detido e trasladado á Unidade de Psiquiatría do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde a xuíza ordenou o seu internamento non voluntario. Agora, a titular do xulgado de instrución número 3 ordenou o ingreso en prisión, aínda que non se precisou cando se fará efectivo, debido á situación médica do mozo.











