David Regades atribúe aos técnicos a valoración de ofertas para as obras
O concelleiro de Fomento do Concello de Vigo, David Regades, investigado na chamada Operación Patos, declarou este xoves ante a titular do xulgado número 7 de Vigo, e descargou nos técnicos toda a responsabilidade sobre a tramitación administrativa e valoración de ofertas para a adxudicación de obras, ao tempo que negou recibir regalos da construtora Eiriña.
Segundo informaron fontes xurídicas, o edil socialista respondeu ás preguntas do seu avogado, así como da Fiscalía e da xuíza, e sinalou que se respectou a legalidade en todos os procedementos de contratación pero que, en calquera caso, el non decidía qué empresas facían as obras nin como se contrataban, unha cuestión que atribuíu aos técnicos municipais.
No sumario, a Policía apunta á súa posible participación en actuacións irregulares para beneficiar á empresa Eiriña, e pon o punto de mira sobre varias obras, entre elas, traballos de humanización de varias rúas.











