publicidade hoxe

Darío Campos subliña que foi Manuel Martínez quen cometeu o primeiro erro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLugo
A-
A+
Europa Press

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, subliñou este mércores, tras coñecerse a expulsión provisional do PSOE do alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, que foi el quen “cometeu o primeiro erro”. “Non sabía nada, é a primeira noticia, sabía que podía pasar pero non recibín ningunha carta, non tiña coñecemento dos feitos”, afirmou antes de participar no acto de inauguración do centro comercial A Abella na capital lucense.

En todo caso, advertiu que “Martínez cometeu o primeiro erro dando o goberno ao PP e foi el quen votou en contra no pleno de organización, a pesar de que foi el quen o defendeu en 2011, e agora votouno en contra, os feitos están aí”.

Con respecto á carta entregada o martes polo alcalde de Castroverde, José María Arias, ao número dous do PSOE, César Luena, en Santiago de Compostela para pedir a continuidade de Martínez, Campos sostivo que “neste partido hai diferentes opinións, hai xente que defende con máis afán ou menos”. “A liberdade de expresión está aí”, apostilou.

Para Campos é “importante” que Ferraz “tome cartas”. “Nos partidos temos normas internas”, asegurou para engadir que “hai que rexerse por elas. Ademais, agregou que “os feitos son graves, fágaos un paisano que leve dous meses ou un que leve trinta anos”. O presidente provincial explicou que Martínez “terá que defenderse e presentar alegacións”.

“APOIAR A UN COMPAÑEIRO”

Pola súa banda, o alcalde de Castroverde, José María Arias, insistiu este mércores, antes de coñecer a expulsión de Martínez, na necesidade “de apoiar a un compañeiro antes que a outros” en tanto que “había un acordo e non se está cumprindo”.

“Sempre me sentín arroupado porque digo a verdade, porque había un acordo entre alcaldes, ten validez a palabra dada, teño que defender a un compañeiro antes que ao BNG”, argumentou Arias.

Antes de coñecer a noticia da expulsión provisional de Martínez do PSOE, dixo confiar en que o comité federal do Partido Socialista atendese a súa reclamación.

18 de novembro de 2015 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.