publicidade hoxe

Cuíña e Alonso reúnense co Seprona para demandar a implicación no control dos vertidos ilegais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, e o técnico municipal, J.Manuel Méndez, reuníronse esta mañá no Concello con responsables do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) de Lalín. A xuntanza tivo como obxectivo principal solicitar a colaboración e a implicación do corpo á hora de detectar e controlar a proliferación de vertidos ilegais, así como localizar aos infractores que os causan. Alonso destacou “a boa disposición dos axentes, que se mostraron totalmente favorables a colaborar para acabar con estes puntos de contaminación”. Ademais, recordou que coa entrada en vigor da nova ordenanza, “as forzas de seguridade terán a capacidade de expedientar a aqueles que incumpran a lei, polo que se avanzará claramente na defensa e protección do medio ambiente, un dos obxectivos principais do Goberno de Lalín”, salientou.

Do mesmo xeito, en relación á recentemente aprobada normativa municipal, que entrará en vigor no próximo ano, demandouse a cooperación do departamento da benemérita co fin de que se garanta o seu cumprimento. O SEPRONA mostrou, igualmente, a seu compromiso en realizar as actuacións que sexan necesarias para que a ordenanza se respecte. Aos axentes foilles entregada unha copia da mesma, que analizarán nos próximos días para estudar as vías de acción máis oportunas para actuar cando a orde entre en funcionamento. O servizo da Garda Civil aplaudiu a decisión do Concello de elaborar unha regulación medio ambiental ao considerar que se dá un paso adiante en favor do medio ambiente en Lalín.  

18 de novembro de 2015 | 20:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.