Cuíña asina a acta de recepción das obras da nova Biblioteca Municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, asinou hoxe a acta de recepción das obras da nova biblioteca municipal. Con este trámite administrativo -e unha vez que se recibiu o visto e prace por parte dos técnicos municipais- danse por rematadas as actuacións de rehabilitación que se desenvolveron nos últimos meses para poñer a punto a vella casa consistorial e adaptala ás súas novas funcións.

A edificación destaca por estar deseñada de maneira que cubra todas as deficiencias que presenta a actual Biblioteca Municipal Varela Jácome. Así mesmo, o proxecto arquitectónico trata de manter a esencia da antiga casa do concello,  conservando elementos simbólicos da mesma, como edificio histórico e de enorme valor patrimonial para a cidadanía de Lalín.

As diferentes estancias da biblioteca adáptanse á anterior distribución da planta, de modo que se dispoñen de modo independente, para que as actividades que se desenvolvan en cada sala non interfiran unhas nas outras. A biblioteca terá, entre outros departamentos, sala de lectura, zona de prensa, salón de actos, estancia infantil, sala de audiovisuais, así como almacén.

Nestes intres, o Goberno municipal xestiona a dotación de mobiliario e equipamento para que as instalacións estean operativas e poidan abrir ao público no menor prazo de tempo posible.

19 de novembro de 2015 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.