Couso trasladará a Europa as deficiencias do hospital de Vigo
O eurodiputado da Esquerda Plural trasladou ante o Parlamento Europeo unha iniciativa para denunciar as “deficiencias” do novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, nun contexto no que, en palabras da coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, os recortes “conclúen en mortes reais de seres humanos”.
En rolda de prensa xunto á deputada autonómica de AGE Eva Solla, Yolanda Díaz tamén denunciou que a Comunidade galega se situou como a “terceira onde o nivel de privatizacións é máis elevado” e resaltou que estas políticas do PP “deixan ver como a destrución da sanidade pública, universal e gratuíta segue sendo un dos obxectivos prioritarios de Feijóo”.
Para apoiar o argumento das privatizacións, Eva Solla advertiu de que o novo hospital de Vigo se levará 112 millóns de euros o ano que vén, aos que hai que sumar 90 millóns de Povisa, co que “o montante da sanidade que vai a mans privadas ascende a máis de 200 millóns de euros, o que é unha indecencia”.
Díaz advertiu de que o traslado ao novo hospital de Vigo se converteu nun “esperpento” e é “todo un exemplo de privatización da sanidade pública en Galicia”.
Pola súa banda, Eva Solla recordou que o novo hospital foi inaugurado “cun ano de atraso”, polas dificultades de financiamento da UTE que levou a cabo a obra, e sinalou que, dende o inicio, Esquerda Unida denunciou “serias deficiencias” no material que se usaba, o que obrigou a “suspender” intervencións.
Deste xeito, a través do europarlamentario Couso, trasladouse unha pregunta para coñecer a opinión da Comisión acerca de que “gaste o diñeiro do fondo europeo de inversión nun hospital que, ao pouco tempo da súa inauguración, demostra ser tan pouco eficiente”.











