Coro Piñeiro asiste na Coruña á presentación do programa Renault Movilidad para todos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A directora xeral de Maiores e Discapacidade, Coro Piñeiro, asistiu na Coruña á presentación do programa Renault Movilidad para todos. Alí reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia con aquelas persoas que presentan algún grao de discapacidade e sinalou cara a mobilidade das persoas con diversidade funcional como “unha liña de acción esencial para acadar a accesibilidade universal”. “Eventos como este programa de vehículos adaptados representan un paso máis na integración e inclusión das persoas con discapacidade”, abundou.

Ao fío desta idea, sinalou que neste 2015 entrou en vigor a actualización da Lei de accesibilidade de Galicia que a Xunta levou a cabo en consenso coas principais entidades que traballan no sector. O obxectivo deste marco lexislativo é acadar unha accesibilidade universal, que supere o concepto tradicional das barreiras arquitectónicas, regulando, por exemplo, o ámbito das novas tecnoloxías da comunicación.

Un 7% máis de presuposto

A directora xeral asegurou que o colectivo de persoas con discapacidade é “un dos campos de actuación mais importantes para a nova Consellería de Política Social que, grazas á súa nova estrutura orgánica, fai que este sector gañe presenza”. De feito, a Dirección Xeral de Maiores e Discapacidade aumenta nun 7% o seu peso nos orzamentos da Xunta para 2016 ata chegar aos 281,3 millóns de euros.

Para o vindeiro exercicio 2016, no que atinxe a atención ás persoas con discapacidade, a Consellería de Política Social pon en marcha novas iniciativas con financiamento europeo. Estas son: unha liña de axudas para a eliminación de barreiras arquitectónicas, a creación dun banco de axudas individuais destinado a adquisición de servizos da autonomía persoal, a modernización de centros públicos con novos equipamentos tecnolóxicos que sirvan de apoio para a atención dos usuarios e melloren as condicións de traballo dos profesionais (cun investimento de 2,9 millóns de euros); e novos programas de formación e asesoramento para coidadores/as de persoas con discapacidade. Ademais, en 2016 reforzarase nun 20% o apoio económico ás federacións integrantes no CERMI acadando esta partida os 3,6 millóns de euros.

10 de novembro de 2015 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.