publicidade hoxe

Cores Tourís visita as instalacións da empresa Braux no polígono empresarial de Arbo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArbo
A-
A+
Cores Tourís na visita ás instalacións de Braux

Cores Tourís na visita ás instalacións de Braux

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a empresa Braux de Arbo, dedicada ao desenvolvemento de equipamento para o sector das enerxías renovables, para coñecer as súas novas instalacións, en compaña do alcalde da localidade, Horacio Gil.

Nesta visita, o delegado territorial estivo acompañado polo xefe territorial de Economía e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial.

Segundo informaron os responsable da empresa ao delegado territorial e ao alcalde de Arbo, esta firma, nada en 2006, conta neste concello coa sua base de operacións, tanto técnica coma produtiva, fabricando mensualmente ata 1.500 toneladas de estrutura realizada en aceiro en perfiles conformados.

“Nas nosas instalacións de Arbo dispoñemos ademais de 4.000 metros cadrados destinados ao montaxe e ensaio de prototipos de tódolos equipos que subministramos, xa sexan estruturas fixas, seguidores de eixes, termosolares ou eólicos”, engadiron dende a empresa, destacando que a firma ten como obxectivo a innovación e desenvolvemento de equipos a medida destinados ao sector das enerxías renovables, como a xeotérmica, a solar, a biomasa, a eólica ou a mini-hidráulica, entre outras.

En planta conta con 35 traballadores distribuídos en tres quendas, aos que hai que sumar os técnicos que se destinan ao montaxe das pezas termosolares en países coma Chile, Inglaterra, Uruguay e Brasil.

O delegado territorial, pola súa banda, destacou a gran importancia da posta en marcha de empresas como Braux, “xa que é un valor engadido que sexa unha empresa con alto contido medioambiental, comprometida co fomento de novas técnicas enerxéticas que respecten a natureza e aporten o bienestar social necesario para acadar o crecemento sostible”.

Melloras polígono empresarial

José Manuel Cores Tourís aproveitou a visita á empresa Braux para comprobar as melloras executadas no polígono no que se atopa asentada.

Nesta área empresarial levouse a cabo a renovación da súa sinalización horizontal grazas á colaboración económica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, xa que o concello acolleuse este ano a orde de axudas da Consellería de Economía e Industria que permite mellorar a competitividade dos parques empresariais de Galicia.

“Grazas a colaboración da Xunta este concello puxo en marcha este proxecto que permitiu renovar toda a sinalización horizontal, que se atopaba nun estado pouco aceptable”, explicou o delegado territorial, quen asegurou que o aportado pola Xunta para este proxecto supuxo o 80% do total. Ademais, tamén se pintou un total de 5.600 metros lineais, incluíndo marcas de separación de carrís, frechas de sinalización e marcas de aparcamento, usando viais reflexivas con pintura reflectante.

A empresa adxudicataria, ademais, tamén levou a cabo o axardinamento de dúas glorietas e o pintado de 3 pasos de peóns e de seis sinais de código.

O delegado territorial trasladoulle ao alcalde da localidade que o obxectivo da Xunta é seguir a colaborar coas administracións locais, primando unha xestión compartida que posibilita unha redución de gastos nas arcas municipais, facilitando a xeración de postos de traballo e o incremento da competitividade do tecido empresarial. “De feito, estas axudas permitiron a mellora de 12 áreas situadas en outros tantos concellos ao longo do presente ano”, engadiu.

12 de novembro de 2015 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.