publicidade hoxe

Cores Tourís supervisa as obras de mellora de acceso ao polígono agroforestal de Aguillós en Vila de Cruces

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVila de Cruces
A-
A+
Cores Tourís na visita ao polígono agroforestal de Aguillós

Cores Tourís na visita ao polígono agroforestal de Aguillós

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o polígono agroforestal de Aguillós en Vila de Cruces, para comprobar, en compaña do alcalde da localidade, Jesús Otero, as obras executadas para acondicionar o acceso a esta área empresarial onde se atopa instalado o centro de innovación e desenvolvemento do galo de curral. Os traballos foron executados grazas á colaboración económica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Precisamente, nesta visita, o delegado territorial estivo acompañado polo xefe territorial de deste departamento autonómico en Pontevedra, Ignacio Rial.

Tal e como destacou Cores Tourís, o concello de Vila de Cruces, acolleuse este ano a orde de axudas da Consellería de Economía e Industria que permite mellorar a competitividade dos parques empresariais de Galicia.

“Grazas a colaboración da Xunta puidemos poñer en marcha este proxecto que permitiu a pavimentación do vial de acceso a este polígono ao longo de 3.120 metros cadrados”, explicou o delegado territorial, quen asegurou que o aportado pola Xunta para este proxecto supuxo case o 80% do total. “Esta é a razón pola que damos as grazas ao concello de Vila de Cruces pola súa colaboración, xa que aportou o 20% restante para mellorar e potenciar esta área empresarial”, engadiu Cores Tourís.

Os traballos supuxeron a reparación e nivelación da capa de compactación existente e a pavimentación de calzadas dun camiño que da acceso a este parque pero tamén a unha zona forestal, e que se atopaba en mal estado. O vial contaba xa cun recheo realizado anteriormente que, a causa das choivas presentaba irregularidades na superficie.

“A orde á que se acolleu este concello permite axudar aos municipios á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais galegos”, explicou o delegado territorial, quen destacou que grazas a esta colaboración da administración autonómica, “estanse a impulsar actuacións en eidos diversos como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as estradas ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia”.

Cores Tourís aproveitou a visita para recordar que ademais, grazas a unha axuda anterior desta Consellería, Vila de Cruces puido instalar o abastecemento neste polígono empresarial.

O delegado territorial trasladoulle ao alcalde da localidade que o obxectivo da Xunta é seguir a colaborar coas administracións locais, primando unha xestión compartida que posibilita unha redución de gastos nas arcas municipais, facilitando a xeración de postos de traballo e o incremento da competitividade do tecido empresarial. “De feito, grazas a colaboración deste departamento autonómico beneficiándose un total de 12 áreas situadas en outros tantos concellos da provincia”, engadiu.

3 de novembro de 2015 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.