publicidade hoxe

Cores Tourís comproba os traballos da comunidade de montes de Abalo de cara a prevención de lumes forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+
Cores Tourís en Catoira

Cores Tourís en Catoira

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá os traballos de mellora de cortalumes, pistas forestais e roza que a comunidade de montes de Abalo en Catoira está a executar grazas a colaboración económica da Consellería de Medio Rural.

Na visita, Cores Tourís estivo acompañado de representantes da comunidade de montes, do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Dubois e a portavoz do PP en Catoira, Adriana Rodríguez.

O delegado territorial acercouse ata o lugar onde se están a executar traballos nestes intres invitado pola comunidade de montes. Estas obras supoñen a mellora de cortalumes e pistas forestais, así como a execución de rozas de faixa auxiliar tanto mecanizada como manual en monte arborado ao longo de case 7 hectáreas. “Hai que destacar a labor desta comunidade de montes para previr os lumes forestais, o que se traslada no mantemento e mellora dun total de 132 hectáreas dende 2009”, explicou Cores Tourís.

A maiores, tamén se levaron a cabo labores de silvicultura como podas, rareos e recollida de restos de masas forestais. De feito, no que vai de ano leváronse a cabo traballos deste tipo ao longo de 23 hectáreas.

“O 80% do custos destes traballos foron aportados pola administración autonómica”, explicou Cores Tourís, quen asegurou que o obxectivo destas labores “é preparar o monte durante estes meses de inverno de cara á chegada do próximo verán, de xeito que poidamos previr de forma máis axeitada os lumes forestais”.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra engadiu que a administración autonómica está a traballar, en colaboración coas comunidades de montes, para limpar e preparar os montes de cara a frear o risco de incendios, levándose a cabo un control selectivo do combustible en devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural aí como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais, coa finalidade de reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por estes sinistros se ocorreran.

“De feito, na provincia de Pontevedra, no presente ano, traballouse sobre 6.250 hectáreas e 70 quilómetros de camiños forestais”, engadiu Cores Tourís, quen aproveitou esta visita para facer un chamamento á implicación da cidadanía, solicitándolle que extremen calquera acción que desenvolvan no monte en calquera época do ano. “Entre todos temos que coidar dos nosos montes”, rematou o delegado territorial.

4 de novembro de 2015 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.