Conde destaca que a xestión do risco é clave para o crecemento das pemes

Francisco Conde na presentación do libro. Foto: A. Varela
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que a xestión do risco é unha das claves para o crecemento das pequenas e medianas empresas galegas. Conde participou na presentación da obra A xestión do risco e o seguro na empresa galega, o primeiro estudo empírico deste tema elaborada en España, que levou a cabo o Grupo Valfinap, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC por encargo da Fundación Inade, unha obra que, sinalou, “marcará un antes e un despois na forma de entender a xestión do risco en Galicia”.
Conde resaltou a necesidade de arriscar nun mundo no que os ciclos de innovación son moi curtos, e os mercados máis globais e competitivos, pero chamou a xestionar ben ese risco xa que de non abordarse esa tarefa, “as consecuencias poden ser o final da propia compañía, e a perda de postos de traballo”. De cara á redución deses riscos, Conde subliñou o papel que xogan as administracións públicas, e defendeu o papel do Goberno galego no acompañamento das empresas galegas á hora de afrontar ese reto tanto no que se refire ás súas operacións financeiras, como aos seus proxectos de internacionalización e ás súas iniciativas de innovación.
Riscos que, sinalou o conselleiro, as pequenas e medianas empresas por si soas poden considerar inasumibles, pero que co apoio público poden xestionar, permitíndolles gañar liquidez, diversificación e competitividade. Así, no ámbito financeiro, Conde destacou o crecemento previsto nos orzamentos de 2016 para o financiamento de proxectos empresariais, contribuíndo mediante avais, créditos, bonificacións e apoios a mellorar a liquidez das empresas galegas “no ciclo investidor e de crecemento que se abre”.
Neste senso, os orzamentos galegos para 2016 contan on instrumentos como o programa Galicia 1.000; novos Instrumentos Financeiros Innovadores que suman case 10 millóns de euros; as liñas de préstamos con fondos BEI e ICO, dotadas con 112 millóns; un mínimo de 10 millóns en préstamos Jeremie; e a convocatoria do Galicia Inviste, que prevé o investimento de 20 millóns ata o 2020.
Conde gabou ás empresas galegas que saíron adiante nestes últimos anos grazas a unha boa xestión de riscos, compañías que “saíron reforzadas cun know how que hoxe lles está permitindo asumir esforzos en dous retos crave de cara ao futuro: a innovación e a internacionalización”.
No primeiro destes eidos, destacou a implicación da administración galega para apoiar a innovación daquelas pemes que, polo seu tamaño, non poden permitirse o investimento nin a incerteza asociados á innovación, impulsando programas como o Innterconecta ou o Conecta Pemes. Un esforzo que se intensificará en 2016, dedicando 61 millóns a I+D+i, fondos que permitirán, entre outras accións, activar unha nova convocatoria do Conecta Pemes dotada con 25 millóns de euros e poñer en marcha unha nova convocatoria das Unidades Mixtas que unen a multinacionais coas universidades e centros de coñecemento galegos.
Por último, Conde referiuse ao apoio da Xunta para que as empresas diversifiquen os seus mercados obxectivo, reducindo así a súa exposición ás posibles crises que azouten un mercado ou outro. Tomar a decisión de exportar, sinalou, comporta riscos de información e investimentos que unha peme non pode asumir, e de aí o apoio da Xunta mediante programas como Primex, que une a varias pequenas e medianas compañías para axudarlles a dar, xuntas, ese primeiro salto a outros mercados; ou a Rede Pexga, que lles permite salvar os déficits de información sobre o terreo. Dúas ferramentas enmarcadas na Estratexia de Internacionalización dá Empresa Galega 2020, que conforman un apoio ao sector exterior galego que este ano suma 25 millóns de euros nos orzamentos da Xunta.











