Conde destaca o papel dos xóvenes empresarios de Vigo na consolidación da recuperación económica e a creación de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Conde no encontro coa nova directiva de AJE Vigo

Conde no encontro coa nova directiva de AJE Vigo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro coa nova directiva de AJE Vigo, encabezada polo presidente Alejandro Cabo, no que puido escoitar as súas propostas e liñas de actuación de cara ao futuro. Durante a xuntanza, celebrada na sede da Asociación e na que estivo acompañado polo delegado territorial, Ignacio López-Chaves, Conde resaltou o papel que están chamados a xogar os xóvenes empresarios na consolidación da recuperación económica e na creación de emprego.

Neste sentido, o encontro permitiu poñer en valor o papel de AJE Vigo na dinamización empresarial da comarca, sumando máis de 300 asociados e apoiando preto dun medio milleiro de iniciativas emprendedoras no último ano. Así, a Asociación ofrece diferentes servizos de apoio ao emprendemento que van desde o asesoramento e a información para constituír e madurar unha nova empresa, ata a orientación e apoio na busca de financiamento ou o desenvolvemento de actividades de networking empresarial.

Neste marco, o titular de Economía, Emprego e Industria lembrou a importancia do emprendemento na dinamización económica e no impulso de novos proxectos empresariais en Galicia. Por este motivo, explicou, o Goberno galego está a promover unha estratexia integral de apoio ao emprendemento que busca facer da administración un facilitador de solucións. Unha estratexia na que destaca a Lei do Emprendemento e da Competitividade Económica de Galicia, que eliminou as licencias municipais de obra e actividade facilitando a apertura de novos establecementos.

Así mesmo, o conselleiro puxo en valor, dun lado, o decreto que crea as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM), que facilitan aos emprendedores as tramitacións a levar a cabo ante a administración; e doutro, o decreto que simplifica e acurta os trámites para a apertura de novas gasolineiras.

A esta simplificación de procedementos administrativos cabe engadir outro tipo de iniciativas como Vía Galicia, aceleradora de emprendemento que vén apoiando os proxectos seleccionados desde a súa etapa máis temperá, a da maduración da idea, ata convertelas en negocios capaces de constituírse en empresas de maneira sólida e competitiva.

11 de novembro de 2015 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.