Conde destaca o esforzo do comercio de proximidade por adaptarse aos novos hábitos de compra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Francisco Conde na xornada sobre o comercio. Foto: A. Varela

Francisco Conde na xornada sobre o comercio. Foto: A. Varela

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe nunha xornada centrada en aspectos como a innovación comercial, as novas tecnoloxías ou a comunicación coa que a Federación Galega de Comercio celebra o seu 30 aniversario o esforzo do comercio galego de proximidade por adaptarse ás novas realidades e aos novos hábitos de compra dos consumidores.

O conselleiro sinalou que, para acompañar ese esforzo, a Xunta ten en marcha o Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia 2015-2020, que conta coas achegas do sector. Conde lembrou que este plan ten entre os seus obxectivos incrementar nun 15% os emprendedores que traballan no comercio galego; triplicar a porcentaxe de establecementos que venden na rede, alcanzando o 14%; e incrementar nun 10% o número de comercios que se asocian para competir.

Para iso, tal e como detallou Francisco Conde, o Plan céntrase en tres retos: a mellora da competitividade, afianzando un comercio actual e xerador de riqueza; o smart commerce, ao que se destina un 40% dos recursos do plan, avanzando nun novo modelo de comercio intelixente que sitúe o cliente no centro da súa estratexia; e a potenciación do comercio excelente, traballando na dinamización comercial e a mellora continua do servizo.

Sinalou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria na súa intervención que o comercio galego de proximidade é consciente do reto que supón a presenza en internet e nas redes sociais, e neste sentido lembrou que preto de 1.000 comerciantes e artesáns galegos participan este ano no programa para impulsar o smart commerce e o comercio en liña activado pola Consellería.

Conde, que apuntou que unha das principais vantaxes competitivas do sector comercial galego é o seu tecido asociativo, destacou que a colaboración co asociacionismo comercial é unha constante na estratexia de apoio ao sector polo papel clave que xogan centros comerciais abertos, asociacións e federacións.

19 de novembro de 2015 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.