Compostela Aberta sufragou os gastos da visita de alcaldes ‘rebeldes’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, informou de que o seu grupo municipal, Compostela Aberta, sufragou os gastos da visita á capital de Galicia dos alcaldes de ‘Cidades polo ben común’ -que tivo lugar o pasado sábado-, tras as críticas do PP e PSOE que denunciaron que foi un acto “partidista” e electoral pagado con fondos públicos.

A preguntas da prensa este luns, Noriega mostrou o seu “noxo” polas críticas do PSOE e PP, das que dixo que lle provocan “certa náusea existencial”, posto que considera que “non todo vale”.

Neste sentido, informou de que foi o pasado venres cando deu a orde de cargar a Compostela Aberta o gasto desa visita, que cifrou nuns 700 euros, de forma que non correu a cargo do Concello de Santiago, segundo explicou.

Ao respecto, criticou que ningún dos voceiros do resto de grupos políticos de Santiago participasen na recepción a estes alcaldes, que considera “terriblemente positiva” para a cidade, xa que lle “vai dar réditos”.

Por iso, acusou de “absoluta falta de respecto” que os outros grupos non acudisen á “recepción institucional” do sábado a uns alcaldes que “representan máis de oito millóns de persoas”.

CONTRAPOSICIÓN COA IGREXA

Neste sentido, contrapuxo a postura de PP e PSOE con estes alcaldes ‘rebeldes’ con que si que foron recibidos, en cambio, polo deán da Catedral, Segundo Pérez, e “foron invitados” pola propia Igrexa a visitar os teitos do templo.

“Iso rompe un pouco determinadas dinámicas, pois xa que estamos na apocalipse, e todo o que acontece é algo absolutamente anormal, preocupa que a institución da Igrexa é a que entende de protocolo”, espetou a PSOE e PP, antes de dubidar sobre “quen está á altura” nesta cuestión.

PIDE GASTOS DOS ÚLTIMOS 8 ANOS

Tras asegurar que “ninguén montaría un mitin” nunha institución”, remarcou que houbo unha recepción a estes rexedores o pasado sábado no Concello da Coruña “cuns cafés” e outra en Santiago, “minimamente respectuosa, con “mesa e mantel”, que “non supera os 700 euros”.

Ante este “ataque” da oposición, que lle dá “moito noxo”, Martiño Noriega avanzou que pediu información sobre os gastos protocolarios do Concello de Santiago nos “últimos oito anos” para que a cidadanía saiba a que se destinou diñeiro.

30 de novembro de 2015 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.