publicidade hoxe

Comezan os traballos dos camiños secundarios na concentración parcelaria de Codeseda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+
Cores Tourís en Codeseda

Cores Tourís en Codeseda

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou os traballos de execución de camiños secundarios da zona de concentración parcelaria de Codeseda na Estrada.

Na visita a este concello, José Manuel Cores Tourís estivo acompañado polo alcalde da localidade, José López Campos, o xefe territorial da Consellería de Medio Rural en Pontevedra, Miguel Pérez Dubois, e a xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julia Pérez Pacios.

A concentración que visitou hoxe o delegado territorial inclúe labradío e monte da parroquia de San Xurxo de Codeseda e conta cunha superficie concentrada de 1.062 hectáreas, cun número de parcelas iniciais de 13.156 que quedaron reducidas a 1.834 terreos tralo acordo cos 691 propietarios existentes.

Na visita de hoxe, José Manuel Cores Tourís puido comprobar o inicio das obras de execución de 18 camiños secundarios incluídos no acordo de concentración e que suman un total de 2,2 quilómetros de lonxitude, aplicándose nos mesmos zahorra nuns casos e formigón noutros. O ancho dos camiños rolda os 4 metros por tratarse de viais secundarios.

“A elección de anchos adaptados ás necesidades previsibles de uso agrario pretende igualmente evitar grandes desmontes innecesarios”, explicou pola súa banda Miguel Pérez Dubois. O xefe territorial de Medio Rural destacou ademais, que nas zonas de braña elevarase a rasante mediante pedraplén. “Os 14 entroncamentos coas pistas asfaltadas faranse con tratamento superficial asfáltico sobre o firme proxectado na sección tipo correspondente e a drenaxe transversal dos camiños mediante a instalación de tubos de formigón de entre 450 e 100 centímetros de diámetro en puntos que precisan un desaugamento do caudal determinado”.

Segundo destacou o delegado territorial, a concentración parcelaria da Estrada sufriu un importante pulo dende 2009, coa finalización e entrega de títulos das zonas de Fraiz, Liripio, Monte Callobre-Rubín, Val do Vea II (fase 1) e Rivela, así como o avance na parcelaria de Codeseda, Val de Vea II (fase 2) e Arca-Nigoi, que se atopan as tres en fase de acordo. Deste xeito, nos últimos anos, a Xunta de Galicia logrou concentrar 3.837 hectáreas deste concello, beneficiando así a 4.503 propietarios reducindo as parcelas de 50.223 a 8.601 novas parcelas.

O delegado territorial rematou destacando a importancia económica que supón a concentración parcelaria. De feito, o delegado territorial insistiu en que “o obxectivo último da Xunta de Galicia radica en sacar rendibilidade aos terreos a través de novas explotacións que eviten o abandono da terra e a racionalización da produción”.

30 de novembro de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.