publicidade hoxe

Comezan a quentar motores as festas de San Sadurniño do ano que vén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Comisión de Festas de Santa Isabel 2016 anda xa a voltas cos preparativos da patroa do ano que vén e unha das primeiras actividades que vai desenvolver será o Magosto deste sábado. Máis que un Magosto será unha xornada de lecer na que, ademais das castañas, haberá un xantar popular e un combinado de obradoiro máis baile a cargo de Os Cempés. Os tiques para esta actividade, que terá lugar no patio do CPI, poden mercarse nos bares de San Sadurniño ou reservarse chamando aos teléfonos 679 459 016 e 606 762 070.

A Santa Sabela de 2016 promete ser de moito mérito, habida conta do cedo que empezou a traballar a comisión para ila organizando. E non hai nada mellor para preparar unha festa que facer outra festa. Coma a que se vivirá este sábado no patio do colexio, a medio camiño entre un encontro veciñal -aberto a xente de dentro e fóra de San Sadurniño- e un evento cultural. 

A cousa está organizada do seguinte xeito. Ás 14.00h. está previsto que haxa un xantar popular a base de empanada, lacón asado, cachelos, bebida, postre e café. Sen présa e con tempo dabondo para comer con tranquilidade e facer unha sobremesa longa de parola ata as 17.30h. Nese momento comezará un obradoiro de baile impartido polos Cempés, no que as persoas participantes poderán aprender sinxelos pasos das danzas tradicionais -valses, jotas, muiñeiras, chapeloises, roundsquares…- ao ritmo da música ao vivo do afamado grupo folc.

Trala aprendizaxe e para repor forzas, castañas (19.00h.). E para baixar as castañas, a iso das 20.00h., un Baile 100% cos Cempés no que poñer en práctica todo o aprendido durante a tarde. Estes bailes téñense organizado xa en Naraío, en San Sadurniño e en Bardaos cunha grande aceptación por parte da xente por dúas razóns: todos son doados de aprender e practicamente todos son bailes grupais que convidan á festa.

Os prezos de todas estas actividades divídense en dúas posibilidades: un vale a 14 euros que inclúe o xantar, o magosto e o baile; ou ben só o magosto e mailo baile por 5 euros. Os nenos e nenas menores de 14 anos, de balde. Os tiques poden mercarse desde hai uns días en Atrium, Meson A Granxa, Café Dzine, Mesón O Ferrador, Cafe Bar Santos e Café Bar Del Palacio. Ou tamén chamando a 679 459 016 (Luis) ou 606 762 070 (Pedro). No caso de querer ir só ao magosto e ao baile non é necesario reservar e os tiques poderán collerse alí no momento.

Con Suma Conciencia ofrece un obradoiro de percusión doméstica

Por outra banda, o domingo a asociación Con Suma Conciencia oferta unha sesión musical para coñecer diferentes posibilidades musicais nos instrumentos domésticos. Impartiraa entre as 16.30 e as 19.30h. o músico e multiinstrumentista Carlos Martínez, do grupo Pan de Capazo.

Martínez repasará distintas variantes e posibilidades rítmicas na música tradicional galega, así como noutros folclores do mundo. 

Para participar no obradoiro é recomendable levar instrumentos domésticos como culleres, tixolas, dedais de costura, táboas de lavar, sachos, latas, almirez ou morteiro… E tamén hai que apuntarse este mércores como moi tarde chamando aos teléfonos 650 651 436, 619 933 819, 649 929 917. O prezo da actividade son 20 euros e no caso de que non se xuntasen un mínimo de inscricións quedaría adiada para outra ocasión.

GoPro en Tempos para compartir

Desde o departamento de Igualdade, promotor do programa Tempos para compartir, tamén se lembra que este sábado a partir das 17.00h. se vai desenvolver o obradoiro de introdución ao manexo de GoPro e outras cámaras deportivas impartido polo xornalista e realizador César Galdo. 

Trátase dunha actividade que racha co habitual dos obradoiros de Tempos… e que vai dirixida a calquera persoa que queira coñecer os segredos destes aparellos, popularizados nos últimos tempos co auxe dos deportes de acción ao aire libre.

O obradoiro terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello e non na Casa da Xuventude como estaba previsto inicialmente. Aínda quedan algunhas prazas libres e a inscrición haberá que facela mañá como moi tarde chamando ao 981 490 027 (ext.2).

3 de novembro de 2015 | 11:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.