Comeza en Ames unha nova edición do curso de inglés para a obtención do certificado Preliminary English Test

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames, a través da concellaría de Mocidade, puxo en marcha un curso de inglés destinado a preparar ao alumnado para a realización do exame Preliminary English Test (PET-B1). Neste curso participan un total de 30 persoas maiores de 18 anos. Para facilitar a asistencia de todos os alumnos/as organizouse un grupo en Bertamiráns e outro no Milladoiro. En cada grupo hai 15 alumnos/as. O curso desenvolverase ata o mes de xuño. As clases son de 90 minutos diarios durante dous días á semana. Ao remate do curso facilitaráselle ao alumnado a tramitación da matrícula para as probas de Cambridge.

A concellaría de Mocidade puxo en marcha este ano un novo curso de inglés para a obtención do certificado Preliminary English Test. Esta iniciativa adhírese a outros cursos e actividades que se levan a cabo ao longo do ano dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). As clases impártense os martes e xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns, mentres que no Milladoiro celébranse os mércores e venres. En ambas localidades as clases desenvólvense en horario de 20:30 a 22:00 horas.

Os grupos están formados por un máximo de 15 alumnos/as, co obxectivo de que aproveiten as clases ao máximo, facendo, ademais, un seguimento regular da evolución de cada un con avaliacións trimestrais. As clases son de 90 minutos diarios durante dous días á semana. Ao remate do curso facilitaráselle ao alumnado a tramitación da matrícula para as probas de Cambridge.

A concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, destacou que “esta iniciativa tivo moi boa acollida entre a xuventude amesá xa que se completaron todas as prazas ofertadas. O martes 27 de outubro en Bertamiráns e o mércores 28 de outubro no Milladoiro desenvolvéronse ás probas de nivel, para comprobar os coñecementos previos de cada alumno/a. Posteriormente, os días 3 e 4 de novembro comezaron as clases deste curso que se desenvolverá ata o mes de xuño”.

Obtención do certificado PET

Nas clases traballaranse as distintas destrezas requiridas para a obtención do PET, utilizando un libro de texto e material de reforzo e práctica do exame, facendo fincapé na parte oral do mesmo. O Preliminary English Test é un exame nivel intermedio que se corresponde co segundo nivel dos exames de Cambridge, que avalían os coñecementos de inglés xeral dende un nivel principiante ata avanzado.

O certificado PET está recoñecido a nivel mundial tanto no sector académico como profesional e é equivalente ao nivel B1 do Marco Europeo Común de Referencia de Linguas Europeas. A obtención do mesmo significa que o alumno ou alumna é capaz de desenvolver as destrezas lingüísticas necesarias para afrontar situacións sociais e laborais correntes, nun entorno de fala inglesa.

9 de novembro de 2015 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.