publicidade hoxe

Comeza a mellora dos camiños secundarios na zona de concentración parcelaria de Lois-Monte de Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+
Cores Tourís en Ribadumia

Cores Tourís en Ribadumia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou, invitado pola xunta local, a obra de acceso á predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Lois-Monte de Ribadumia.

Na visita ao concello de Ribadumia, José Manuel Cores Tourís estivo acompañado polo alcalde da localidade, David José Castro, a portavoz do PP na vila, Salomé Peña, o xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar en Pontevedra, Miguel Dubois, e a xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julia Pérez Pacios.

Segundo avanzou o delegado territorial, estes traballos permitirán a execución das infraestruturas de acceso directo aos predios de substitución na zona de concentración. “Como consecuencia do trazado dos novos predios na concentración é necesario executar unha serie de camiños de acceso que non puideron ser previstos no proxecto de execución da rede principal, polo que o obxectivo deste proxecto é a descrición e valoración das obras necesarias para realizar estes camiños”, explicou Cores Tourís.

En concreto, as obras suporán a apertura de novos camiños, a limpeza doutros e a construción de sobreanchos. Deste xeito, dotarase a estes viais dunha anchura e superestrutura que permita o tránsito da maquinaria agrícola e vehículos.

En total, actuarase sobre 67 camiños en un total de 8.974 metros lineais, tanto de rede existente como de nova apertura. As obras previstas nesta fase, segundo apuntaron os técnicos, corresponden á construción de terrapléns, a dotación de firme nos camiños e a sinalización viaria necesaria na rede.

“Deste xeito, realizaranse aperturas nos camiños de 4 metros de ancho; rozas e limpezas nos que presenten unha amplitude de ata 5 metros, aplicando compactación ao longo de 3.059 metros lineais; se a anchura vai ata os 3,5 metros, entón realizaranse rozas e limpezas, escavacións de terras, preparación de foxos, perfilado de noiros e aporte de terraplén. En total, este tipo de camiños supoñen 1.133 metros lineais”, explicou a xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias. Julia Pérez tamén engadiu que se a anchura da vía é como máximo de 4 metros sobre zona forestal, realizaranse rozas, preparación de foxos, recheos, compactacións e aportes de terraplén, o que afectará a 360 metros lineais.

En zonas de labradío e de ribeira, realizaranse tamén rozas, escavacións de terras, foxos, recheos e compactación. “Nesta tipoloxía de sección, que se prolonga ao longo duns 2 quilómetros, prevense ademais aportacións de pedrapléns de préstamos ou de canteira para o seu saneamento e estendido de terra vexetal extraída e apta para o cultivo”, engadiu a xefa do Servizo.

A lonxitude total de aperturas nesta rede de acceso é de 6.566 metros lineais, aos que hai que sumar 1.900 metros máis de novas aperturas de trazas e mellora de camiños existentes.

Pola súa banda, José Manuel Cores Tourís destacou a importancia económica que supón a concentración parcelaria. De feito, o delegado territorial insistiu en que “o obxectivo último da Xunta de Galicia radica en sacar rendibilidade aos terreos a través de novas explotacións que eviten o abandono da terra e a racionalización da produción”.

A concentración parcelaria de Lois-Monte de Ribadumia afecta a 1.515 propietarios e 755 hectáreas, divididas nun total de 8.767 parcelas que se verán reducidas a 2.108 fincas.

No concello de Ribadumia están concentradas as zonas de Barrantes, Vesomaño, Leiro, Ribamunia I e II e Sisán, que afectaron a 3.240 propietarios e a 1.062 hectáreas.

10 de novembro de 2015 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.