Cocnha Fernández pide ao xerente do CHUS que axilice os prazos para convocar o Consello de Saúde de Área
Concha Fernández reuniuse este venres co xerente do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela, Luis Verde, ao que lle pediu que axilice os trámites para convocar o Consello de Saúde da Área e que se inclúan os representantes dos pacientes. A concelleira de Políticas Sociais considera prioritario que se garanta a calidade na asistencia aos usuarios do servizo sanitario e os dereitos en materia de saúde.
A concelleira trasladoulle ao xerente a necesidade de coordinar as actuacións en relación ás persoas sen teito da cidade, as cales teñen necesidades de asistencia específicas en materia de saúde. Tamén lle solicitou colaboración para que o programa APEGO, que ten como obxectivos a promoción e normalización do uso do galego, sexa promocionado a través dos centros de saúde de atención primaria do Concello e cheguen ao coñecemento da meirande parte da poboación.
Concha Fernández amosou a súa preocupación pola marcha das obras no novo centro de saúde de Galeras, que permitirá atender a moita poboación do barrio e do casco histórico da cidade. Luis Verde asegurou que as obras estarán finalizadas para o primeiro trimestre do ano 2016 e poderá comezar a funcionar o centro na segunda metade do ano.
Ademais, o xerente do CHUS presentoulle algúns dos programas que están a desenvolver como o caso do “Chanzo a chanzo”, na procura da colaboración do Concello na promoción e mellora dos hábitos saudables.











