Cinco xóvenes acusados por roubar coches, pezas e falsear matrículas aceptan penas que suman 8,5 anos de prisión
Cinco mozos aceptaron este luns penas que suman 8 anos e medio de prisión tras admitir que formaban parte dun grupo dedicado á subtracción de vehículos, aos que colocaban matrículas falsas para vender enteiros ou por despezados, e á subtracción de pezas.
Os cinco acusados sentaron no banco da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, onde tamén tería que estar outro acusado, Juan Carlos G.G., contra o que se ditou orde de busca e detención. Así mesmo, outras tres persoas foron acusadas inicialmente pola Fiscalía, quen este luns confirmou a retirada desa acusación.
Así, o Ministerio Público considera que Ricardo G.G., Iván G.G., Iván C.F., e David F.P., formaban un grupo organizado coa finalidade de cometer actos delituosos dende 2007. A Fiscalía atribúelles o roubo de varios vehículos, aos que modificaban as matrículas; tamén o roubo de pezas, ás que borraban total ou parcialmente o número de bastidor; e mesmo os acusa de aproveitar esta organización para a distribución de hachix.
A Jonás G.B., acúsalle dun delito de receptación, xa que era empregado dun despece onde se adquirían as pezas de orixe ilícita.
Malia que inicialmente a Fiscal solicitaba penas de cárcere que superaban os 40 anos, chegouse a un acordo, e os acusados recoñeceron os feitos a cambio dunha rebaixa substancial nas condenas.
Así, a pena máis alta impúxose a Ricardo G.G., 3 anos e medio de prisión e multa de 1.620 euros. Á marxe da pena de cárcere, o tribunal estableceu indemnizacións aos propietarios dos vehículos, así como o comiso dos bens de orígen ilícito dos acusados.











