Chega ao Teatro Colón toda a irreverencia de Quevedo con ‘La Escuela de los Vicios’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A compañía burgalesa Morfeo Teatro, especializada en teatro clásico, trae ao Teatro Colón a sátira e a crítica de Francisco de Quevedo en ‘La Escuela de los vicios (o de como los golfos gobiernan el mundo)’, a función será o venres 13 ás 20:30 horas. O xoves 12 a la misma hora o Russian National Ballet, dirixido por Sergey Radchenko, pon en escena ‘Grand Gala Tchaikovsky’. A programación desta fin de semana complétase co espectáculo The History of Rock o sábado 14 ás 20:00 horas e co infantil ‘Sopa de Sapo’ de Talía Teatro o domingo 15 ás 18:00 horas.

La Escuela de los Vicios’ está baseada nas sátiras e discursos políticos do xenio do Século de Ouro e amósanos un Quevedo irreverente e ácido. Esta serie de escritos foron moi polémicos na súa época e chegaron a ser declarados de obra subversiva. As críticas ao facer de ministros, maxistrados e banqueiros levaron ao seu autor ao cárcere en varias ocasións.

Protagonizada por Mayte Bona, Francisco Negro e Felipe Santiago a obra preséntanos a un extravagante diaño agardando a dous necios aos que espera cativar coa súa escola, a única na que os alumnos cobran por aprender. Os dous, reticentes ao comezo, métense de cheo na aprendizaxe que inclúe clases de mentira, engano ou roubo, e acaban sendo nomeados ministro e maxistrado. Aínda que o demo ten preparada unha última e sorprendente ensinanza.

A crítica gabou esta montaxe cualificándoa de ‘apuesta arriesgada por su crítica a banqueros y ministros en fiero paralelismo a la época actual’, ‘crítica feroz a la corrupción, Quevedo en estado puro, montaje gamberro, divertido y con mucha sorna e ironía’, ‘la puesta en escena es impecable, la dramaturgia contundente y las interpretaciones rotundas, lección de teatro’

Volve o Russian National Ballet dirixido por Sergey Radchenko

O xoves 12 ás 20:30 volve ao Teatro Colón el Russian National Ballet dirixido por Sergey Radchenko que, nesta ocasión, quere dedicar a función á que fora a súa parella de baile durante máis de 20 anos, Maya Plisétskaya. O prestixioso ballet ruso presenta ‘Grand Gala Tchaikovsky’, un espectáculo que percorre os principais ballets da tradición clásica rusa como O Quebranoces, O Lago dos Cisnes, A Bela Adormecida ou Romeo e Xulieta.

O sábado 14 ás 20:00 horas o espectáculo The History of Rock repasará os grandes temas do rock and roll, dende os seus inicios na década dos 50 ata a actualidade, interpretando temas de Simple Minds, Joe Cocker, George Michael, Chris Rea, Rick Wakeman ou Robin Beck, entre outros. O domingo 15 ás 18:00 horas a compañía Talía Teatro presenta o espectáculo Sopa de Sapo. Unha divertida comedia pensada para público familiar que nos mergulla nos tradicionais contos de bruxas e feitizos. 

As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.ataquilla.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na Sede AFundación A Coruña, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas. Ademais no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. 

9 de novembro de 2015 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.