Centos de veciños súmanse ao video da campaña para fomentar o empadroamento en Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Presentación do video

Presentación do video

Centos de veciñas e veciños participaron no vídeo da campaña para fomentar o empadroamento en Lalín, unha iniciativa impulsada polo Goberno municipal co obxectivo de que o municipio non perda a categoría dos 20 mil habitantes. Baixo o lema “Máis de 20 mil razóns para empadroarse en Lalín”, os participantes van debullando ao longo de tres minutos as cualidades que fan de Lalín un Concello moi atractivo para vivir. Con esta iniciativa preténdese concienciar á xente da importancia de estar censados no municipio, para que a vila poida manter os beneficios, tanto e económicos como sociais, de estar por enriba dos 20 mil habitantes.

Neste traballo audiovisual, realizado pola empresa Bernabé e que se presentou este mediodía no hall do Castro Tecnolóxico, toman parte representantes de todos os sectores do concello, pasando por políticos, cociñeiros, empresarios, deportistas, gandeiros e artistas. Esta campaña mestúrase con outras dúas que pretenden poñer en valor os atractivos do municipio: unha é “Se é de Lalín, é bo” e a outra “En Lalín a cultura é = a vida”.   

Manter a categoría dos concellos de máis de 20 mil habitantes é un dos obxectivos prioritarios que se marcou o Goberno local tras tomar posesión o pasado mes de xuño. Nesa data o alcalde alertou sobre a posibilidade de que o concello perdese a categoría poboacional xa que as estimacións do Instituto Nacional de Estadística (INE) prevían unha poboación de 19.882 persoas a final deste ano. 

Ante estas perspectivas o Concello púxose a traballar dende o primeiro momento para tratar de invertir a tendencia. Este vídeo busca, precisamente, lograr que a xente que vive en Lalín e que aínda non está censada se decate de que empadroarse é positivo para todos e de que permitirá manter vías de financiamento e, polo tanto, servizos no concello.

A crise demográfica é unha das principais causas deste problema, pero tamén hai moita xente que traballa e vive en Lalín malia estar censada noutros municipios. “É a estes aos que temos que dirixirnos e conciencialos da importancia de que se empadroen no noso municipio”, afirma o alcalde, que insiste, iso si, en que “non se trata de presionar a ninguén, senón de facer pedagoxía e acadar a implicación do maior número de persoas neste proxecto común que se chama Lalín”. 

Só na páxina de facebook do Concello, nas primeiras horas que estivo a disposición da xente, o vídeo xa foi compartido por máis de 160 persoas e obtivo máis de 120 likes.

17 de novembro de 2015 | 20:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.