publicidade hoxe

Cedeira e AFAL inician os talleres de estimulación cognitiva para persoas afectadas de Alzheimer e outras demencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O Concello de Cedeira, en colaboración con AFAL Ferrolterra –Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Ferrol e comarca-, veñen de poñer en marcha talleres de estimulación cognitiva para persoas afectadas de Alzheimer e outras demencias. A terceira pranta do Auditorio Municipal acollía onte á tarde a primeira das sesións, que se celebrarán dúas veces á semana –martes e xoves- por espazo de hora e media –de 16,30 a 18-. Con esta iniciativa, Concello e AFAL buscan fórmulas para retardar o avance da enfermidade e, ao mesmo tempo, mellorar a calidade de vida dos veciños afectados e dos seus coidadores e familias.

Trátase de obradoiros de estimulación cognitiva para veciños que teñen diagnosticada a enfermidade e que se atopan nunha fase inicial ou moderada. Nesta liña, o presidente de AFAL, José Manuel Maceiras, quixo destacar a implicación do Concello de Cedeira, pero tamén dos facultativos do centro de saúde, cos que a entidade se reuniu en datas pasadas. Todos eles, mostraron a súa total predisposición a colaborar con AFAL, informando aos seus pacientes sobre este tipo de talleres. A través dos mesmos, persoal especializado levará a cabo diferentes terapias para activar, estimular e adestrar as distintas capacidades e funcións cognitivas das persoas enfermas (percepción, atención, razonamento, abstracción, memoria, linguaxe, procesos de orientación e praxias).

Obxectivos? Traballar as capacidades residuais da persoa para evitar a frustración do enfermo, aumentar a súa autoestima e contribuír a pór freo ao avance da enfermidade. Esta terapia lévase a cabo mediante exercicios prácticos a nivel individual, e cun enfoque lúdico a nivel global. Por último, sinalar que a matrícula continúa aberta no Edificio Municipal de Servizos Sociais para todas as persoas interesadas en participar ou recibir máis información.

18 de novembro de 2015 | 11:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.