Catorce veciños de Frades asisten a un curso gratuíto de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras
Un total de catorce veciños e veciñas de Frades participa esta semana nun curso gratuíto de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras, organizado polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral en colaboración co Concello de Frades, coa Consellería de Traballo e Benestar e co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
O concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro, foi o encargado de darlles a benvida ao alumnado e asegurou que “nun concello gandeiro como é Frades sempre é bo facer este tipo de cursos”. Ademais, lembroulles que “cando a finais de ano se contabilizan as caídas dos silos, os accidentes coa maquinaria e todas as incidencias que se producen é cando nos damos conta de que é preciso tomar conciencia dos perigos que rodean á actividade gandeira”. Neste sentido, Ferreiro Marzoa apuntou que “o noso gran inimigo é a rutina e os gandeiros temos que ser os primeiros que temos que ser conscientes dos riscos que existen na nosa actividade”.
Este curso de prevención de riscos laborais en explotacións agrogandeiras desenvolverase ata o próximo 13 de novembro, cumprimentando un total de 22 horas lectivas. Durante o curso, o alumnado coñecerá a Lei de Prevención de Riscos Laborais, aprenderá os riscos aos que se enfrontan diariamente no seu traballo e as medidas que poden tomar para evitalos. A maiores recibirán dúas horas de formación en primeiros auxilios e primeira intervención no caso de accidente.