Carmela Silva reafirma o seu compromiso cunha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra trasladou aos representantes de SOS Sanidade Pública o seu total e absoluto apoio á manifestación convocada o venres día 13, diante do Hospital Provincial de Pontevedra, para reivindicar a ampliación do Hospital de Montecelo e expresar a súa oposición ao proxecto privatizador do hospital de Monte Carrasco.

Carmela Silva asegurou que “xogámonos moito e por iso non só imos apoiar e participar na manifestación, senón que facemos un chamamento a todas as pontevedresas e pontevedreses para que tamén vaian á marcha e defendan a sanidade pública que é de todos”.

A Presidenta confirmou que o seu compromiso é total e que por iso se instalará unha pancarta no Pazo Provincial en defensa da sanidade pública. “A nosa oposición é absolutamente radical á construción de Monte Carrasco. Esiximos que se amplíe Montecelo e que siga sendo público. Para experiencia terriblemente negativa xa temos o Hospital privado de Vigo, o Alvaro Cunqueiro, onde hai copagos, carece de infraestruturas básicas, non se responde aos parámetros de calidade e o servizo é deleznable”. Silva engadiu que “por iso, igual que en Vigo pedimos a reversión porque está en xogo a vida da xente, en Pontevedra esiximos que se renuncie a facer un hospital público-privado que é o mesmo que un hospital para o negocio duns poucos”.

Pola súa banda, o portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra, Manuel Martín, agradeceu expresamente o apoio da Deputación ás súas reivindicacións. Ademais de insistir na importancia de que os cidadáns de todo a área sanitaria de Pontevedra acudan á manifestación, tamén lembrou que a ampliación de Montecelo para dotar dun hospital único e público para miles de usuarios, tería un custo duns 100 millóns de euros fronte aos 1000 millóns que supoñería un novo centro en Monte Carrasco. “É urxente que se acometa o proceso de ampliación de Montecelo e que se renuncie a un proxecto privatizador dos servizos sanitarios que estaría orientado ao lucro dalgúns, como está a ocorrer co Hospital de Vigo, Alvaro Cunqueiro, que está a resultar unha desfeita”, apuntou.

9 de novembro de 2015 | 20:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.