publicidade hoxe

Carmela Silva anuncia unha importante mellora no Fondo Local para o concello de Poio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoioPontevedra
A-
A+
Carmela Silva en Poio

Carmela Silva en Poio

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou en Poio que o novo Fondo Local vai representar unha mellora importante para o concello, xa que verá incrementado o volume de recursos económicos que recibirá en comparación con anos anteriores.

Así llo indicou Silva ao alcalde de Poio, Luciano Sobral, na súa primeira visita institucional ao concello. De feito, a presidenta destacou que, por primeira vez, un alcalde a invita a coñecer todas as dependencias do Concello e a saudar os propios funcionarios.

Neste Fondo Local, con catro liñas básicas de subvención, os concellos contarán cun novo criterio: ademais dos dous que xa estaban fixados, que eran a poboación e a extensión dos municipios, agora inclúese o número de núcleos de poboación.

Unha das principais demandas que fixo Luciano Sobral na xuntanza de traballo que mantivo coa presidenta, na que tamén estivo presente a tenente de alcalde, Consuelo Besada, foi sobre as infraestruturas deportivas. A este respecto a presidenta indicou que o plan de deportes para o 2016 será igualitario e equitativo para dotar de instalacións deportivas a todos os concellos da provincia.

A presidenta lamentou que o anterior goberno provincial se movese polas afinidades políticas para facer investimentos provocando que concellos coma Poio, que non eran da súa mesma cor política, teñan despois de doce anos serias deficiencias en infraestruturas deportivas.

Igualmente criticou a situación da estrada da parroquia de Campelo, na que tras 12 anos de goberno de Rafael Louzán na Deputación de Pontevedra “nin tan sequera pintaron unha raia en Campelo”, subliñou Carmela Silva. “Agora -continuou- hai grandes demandantes de arranxos que queren que fagamos en catro meses o que eles mesmos non fixeron despois de doce anos”.

Referíndose a eses “grandes demandantes” a presidenta subliñou que espera que tamén sexan demandantes ante a Xunta de Galicia, ao igual que fan ante a Deputación. E de feito puxo entre esas peticións de Poio a construción dun centro de día, infraestrutura da que aínda carece este concello.

12 de novembro de 2015 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.