publicidade hoxe

Cambados únese á Rede de Cidades para a prevención do consumo do alcol por menores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

O Concello de Cambados asinou a acta de adhesión ao Proxecto Cidades en Rede contra o Consumo de Alcol por Menores de Idade, unha iniciativa promovida pola Federación Española de Bebidas Espirituosas (FEBE), dentro da campaña  “Menores nin unha pinga. Máis de 100 razóns para que un menor non beba alcol”. Este concello súmase así á rede formada por máis dunha vintena de consistorios nacionais para loitar contra o consumo de bebidas alcohólicas por menores de idade.

A firma da Acta de Adhesión a este proxecto contou coa presenza de representantes de FEBE a través do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, co seu presidente, José Antonio Feijóo, á fronte. Este encomiou o interese do Concello de Cambados por formalizar a firma do acordo, xa que “supón o firme compromiso de reforzar a concienciación aos mozos sobre os perigos que supón para a saúde o consumo de alcol antes da maioría de idade”, indicou Feijóo. 

Pola súa banda, desde o Concello de Cambados, acudiron o concelleiro de Enoturismo, José Ramón Abal, e a directora da Rede de Museos cambadés, Rocío Acha. Foi precisamente no Museo do Viño onde se formalizou este acordo de carácter nacional. 

Ademais de formalizar a firma do convenio, José Ramón Abal tamén deixou a súa mensaxe no xa emblemático libro Menores nin unha pinga. Máis de 1000 razóns para que un menor non beba alcol. No seu escrito, destacou que “nun territorio vitivinícola como de Rías Baixas, a aprendizaxe e todo o relacionado coa cultura dos viños, as augardentes e licores faise cada vez máis necesario”. Recoñecendo o papel que tamén xogan as distintas administracións, o edil de Enoturismo cambadés lembrou que resulta fundamental materializar “un apoio claro e concreto para que os nosos mozos sexan conscientes da realidade que estamos a vivir, e do importante que é que os menores de idade non beban alcol”. 

Neste sentido, a través do acordo con FEBE, desde o Concello de Cambados comprométense a reforzar o seu traballo na prevención do consumo de alcol en menores a través dos seguintes compromisos: 

Desenvolvemento de actividades para menores de idade 

Ao longo dos próximos meses, FEBE e o Concello divulgarán as múltiples e diversas actividades de información e prevención dirixidas a menores que se realizarán ao redor da campaña. Estas actividades fomentarán un lecer alternativo, libre do consumo de bebidas alcohólicas, a través de concursos que buscarán a implicación e participación dos menores na campaña. Así, haberá concursos fotográficos, deportivos, musicais, de interpretación, de graffitties, de cromos, etc… nos que poderán participar tanto pais, como menores, optando a diferentes premios. 

Apoio da cidadanía: implicación de rostros coñecidos 

Moitos rostros famosos prestarán a súa imaxe de forma altruísta a esta campaña a nivel nacional, a través de vídeos nos que achegarán consellos e razóns polos que un menor non debe beber. Estes consellos, baseados nas súas propias experiencias e vivencias aloxaranse na web www.menoresniunagota.es 

Xornalistas, cantantes, actores, deportistas e un amplo abanico de celebrities prestarán a súa imaxe a esta campaña, achegando consellos e razóns dirixidos tanto a pais como a menores.

No caso dos concellos adheridos procurarase o apoio dos rostros máis coñecidos dos seus respectivos municipios.

Promover accións na Hostalaría  “Eu non vendo alcol a menores”

Para atallar o problema do consumo de alcol por menores de idade desenvolveranse ademais diferentes accións que buscarán a implicación doutros colectivos municipais. 

Así, debido a que a venda de alcol a menores está prohibida pola lexislación vixente, o concello, en colaboración con FEBE, comprométense a promover accións coa Hostalaría e Distribución baixo a lema “eu non vendo alcol a menores”, para evitar a dispensación e venda de bebidas alcohólicas a menores de idade.

A Rede de Municipios Contra o Consumo de Alcol por Menores de Idade supón un paso máis na campaña “Menores nin unha pinga. Máis de 100 razóns para que un menor non beba alcol” promovida polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (MSSSI) e a Federación Española de Bebidas Espirituosas (FEBE). A través da Rede ábrese a posibilidade á administración local a adherirse aos obxectivos da mesma na loita contra o consumo de alcol en menores desde unha perspectiva preventiva e educativa. Dirixida fundamentalmente a pais, pero tamén aos propios menores, a campaña desenvólvese a través de diversos soportes informativos e canles de comunicación.

17 de novembro de 2015 | 12:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.