Caballero lamenta a oportunidade perdida de Vázquez Almuíña por non rectificar a situación do HAC
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, lamentou este luns a “oportunidade perdida” por parte do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, con quen mantivo un encontro, e ao que reprochou que “non rectificara” a actuación do Sergas con respecto ao novo Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC).
Nunha rolda de prensa posterior a esa reunión, o rexedor olívico relatou as súas demandas ao titular de Sanidade, ao que reclamou a situación do laboratorio central do Chuvi no HAC, e non no Meixoeiro; a gratuidade do aparcamento; a “devolución” das máis de 300.000 persoas que pasaron a ser poboación de referencia de Santiago; a ampliación do espazo de Urxencias no novo hospital; ou o rescate da concesión, un cambio que, admitiu, deberá ser “a medio prazo”.
Caballero mostrou a súa contrariedade pola falta de resposta satisfactoria do conselleiro a estas demandas, e criticou que, no encontro, “houbo bo ton, pero solucións e reformas, cero”.
O alcalde foi especialmente crítico coas tarifas do aparcamento, e responsabilizou ao Sergas dos problemas de tráfico nos viais internos do HAC, xa que os usuarios aparcan fóra para non ter que afrontar os prezos “astronómicos” dos estacionamentos dese centro sanitario.
Con respecto á petición da Consellería de mellorar a urbanización e os accesos no ámbito do Meixoeiro, Caballero apuntou que “se estudará” esa petición, pero que, o prioritario e o “caos”, estase a producir no Álvaro Cunqueiro.
“ALARMA SOCIAL”
O alcalde de Vigo advertiu da “alarma social indescritible” que se vive na área sanitaria polos problemas do hospital, unha alarma que asegurou que comparte, e denunciou que “a Xunta segue desatendendo gravemente á cidade a todo o territorio” da área sanitaria.
Por outra banda, Caballero tamén reclamou o Goberno galego que cumpra o seu compromiso de construír cinco centros de saúde na cidade, dos que non se iniciou ningún (San Roque, Calvario, Bouzas, Balaídos e Navia).
No caso de Bouzas, ademais, recordou que o Concello xa puxo a disposición do Sergas a parcela en 2008 e que, a día de hoxe, o conselleiro lle traslada que “o seguen estudando”. “¿Que tomadura de pelo é esta?”, preguntou.











