Bueu reabre o expediente de licitación das obras de sinaléctica
Tras a resolución das cuestións técnicas plantexadas polas diversas empresas e a corrección dalgúns aspectos do proxecto, o Concello de Bueu reabriu o expediente de licitación das obras de sinaléctica, e ofrece un prazo de cinco días naturais desde hoxe para a presentación das diversas ofertas. Esta licitación xa fora iniciada o 22 de outubro, pero ante as dificultades para resolver en prazo as cuestións e preguntas, decidiu suspenderse o 27.
Agora, as empresas que xa se presentaran no outro prazo deberán comunicar por escrito se queren que se lles teña en conta a dita oferta ou prefiren presentar outra ou renunciar ao proceso. As obras, que contan cunha subvención de 40.000 euros con cargo ao Plan Urxente de Mantemento de Infraestruturas Municipais (PUSIM 2014), inclúen a colocación de sinais para identificar rúas ou avenidas polos seus nomes, ou lugares e parroquias que aínda non o teñen e dos que urxe a súa sinalización. Esta é a primeira fase dunha actuación que abrangue o subministro e instalación de sinais informativas de destino e roteiro urbán.
En concreto, e tal e como se reflicte no proxecto técnico, identificaranse 53 lugares cun total de 105 sinais en dezanove lugares da parroquia de San Martiño de Bueu, dezaoito en Cela, catorce en Beluso, un en Ermelo e outro na Illa de Ons, cuxas ubicacións exactas se poden consultar no proxecto subido ao Perfil do contratante da web municipal.











