Bueu celebra un multitudinario exame para peóns de limpeza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

Os 876 candidatos e candidatas que se presentan ás probas de selección para a bolsa de peóns de limpeza do Concello de Bueu que se van celebrar mañá ás 10 horas, dispoñen desde a semana pasada dunhas instrucións na páxina web e no taboleiro de anuncios relativas ao chamamento e inicio das probas.

Así, debido á gran cantidade de persoas que se presentan, o Tribunal decidiu dividir o pavillón municipal de deportes Pablo Herbello en tres entradas separadas por cores, e polas que entrarán cada un dos candidatos segundo apelidos. O primeiro acceso, que abrangue da letra A a F, será pola entrada desde a rúa Staffan Mörling, o segundo, polo que entrarán as persoas de apelidos entre G e O, será pola porta da dereita fronte ao aparcadoiro do pavillón, e a terceira, das letras P a Z, pola porta da esquerda.  Os candidatos deberán vir provistos de DNI, carné de conducir ou pasaporte e bolígrafo de cor negro ou azul, e entrarán pola entrada que lles corresponda.

Esta medida tómase para evitar o colapso no centro de exames, e para que se desenvolva o exame da mellor orde posible. Os que o desexen poden acceder a esta información e á lista de admitidos por cores tanto na páxina web como no taboleiro de anuncios do Concello.

Os candidatos deberán responder a 20 preguntas sobre elementos e coñecementos básicos de limpeza urbana, limpeza viaria, limpeza de praias e outros espazos de ocio e lecer, produtos de limpeza, limpeza de edificios públicos e seguridade e saúde no traballo

9 de novembro de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.