Baltar sobre a petición de dimisión: “Estou para falar de política e iso non é política”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Europa Press

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco, manifestou este luns ao ser preguntado pola petición de dimisión na que insisten os grupos da oposición que “fagan o que queiran” porque el está “para falar de política”.

“Eu estou aquí para falar de política e para min iso non é política, que fagan o que queiran”, aseverou aos medios para declinar entrar a abordar a petición de dimisión que reiteran os grupos.

Preguntado sobre futuros plenos nos que a oposición sostén que seguirá formulando a súa dimisión, Baltar afirmou que “aquí cada un debe ser responsable do que di e do que fai, e o venres pasado sóubose quen é responsable”. “Eu estou para que os plenos se desenvolvan con normalidade e se adopten acordos”, concluíu.

Este luns o Salón de Sesións da Deputación de Ourense acolleu un pleno xuvenil no que trasladaron ao presidente da institución provincial os asuntos que, ao seu criterio, máis apreman aos novos ourensanos.

Antes de comezar a sesión, Baltar Blanco afirmou, en ton irónico, que este era o pleno xuvenil porque “o do venres foi o verdadeiro pleno infantil”, referíndose á sesión ordinaria de novembro que foi abandonada polos grupos da oposición porque non puideron seguir a sesión unha serie de persoas ás que non se deixou acceder.

Ao respecto, Baltar Blanco volveu insistir en que a sesión que abandonaron un a un os tres grupos oposición foi “normal” e “estivo marcada pola normalidade”.

“NORMALIDADE”

Preguntado sobre se ten coñecemento de que o Grupo Provincial Socialista presentase accións legais contra el como presidente da sesión, Baltar afirmou que “eles saberán, cada un ten a súa responsabilidade”. “Eles a súa e eu a miña”, apostilou para reafirmarse en que todo o feito como presidente da sesión fora necesario para garantir a “normalidade” do pleno.

En relación á campaña con motivo das eleccións xerais do 20 de decembro, Baltar tampouco se mostrou preocupado pola proxección que o seu caso poida ter nesta para o Partido Popular.

Pola contra, dixo que confía en que “nas urnas” obterán “unha nova grande vitoria electoral nos concellos da provincia”. “Porque somos unha agrupación que non só está en campaña 15 días, senón os 365 do ano”, sostivo.

Finalmente, o presidente do PP ourensano subliñou estar seguro de que “a noite do 20 de decembro o PP celebrará na súa sede unha nova grande vitoria do Partido Popular en Ourense”.

30 de novembro de 2015 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.