Asime participa na feira Ewea 2015 Annual Event en París

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME), está a participar con caseta institucional na feira EWEA 2015 Annual Event até o 20 de novembro no recinto feiral Porte de Versallies, en París.

A EWEA 2015, organizada por European Wind Energy Assotiation, é un evento internacional organizado anualmente, onde a industria eólica ten a oportunidade de mostrar os seus produtos e servizos máis innovadores. A EWEA 2015 baséase no éxito da edición de 2014, que atraeu a máis de 400 expositores e máis de 8.500 participantes da cadea de subministración da enerxía eólica.

Enrique M. Mallón, Secretario Xeral e portavoz de ASIME declarou que: “A pesar das terribles circunstancias sucedidas o pasado venres, día que todos lembraremos con gran tristeza polos atentados na cidade de París, a feira EWEA está a celebrarse, asumindo o compromiso que ten coas empresas participantes e visitantes desde hai un ano.”

O evento está a ofrecer unha oportunidade para o sector da enerxía eólica para reunirse cos tomadores de decisións e definir a orientación estratéxica das actividades de enerxía eólica en Europa.

Entre as empresas que participan na Feira, pertencentes ao Galician Offshore Energy Group (GOE), atópanse Aceuve, AISTER, Area Global Montajes, Bedoya Hermanos, Centro Tecnológico Aimen, Citic Hic Gandara Censa, Coterena, CT Ingenieros, Dinain, Equipos Lagos., Francisco Cardama, Gestamp Wind Steel Galicia, Ghenova Ingeniería, Hermanos Alfaro, Industrial Recense, Industrias Ferri, Instra Ingenieros, Intaf Promecan, Mecanizados Acebrón, Metalships & Docks, Montajes Cancelas, Montajes Hermanos Ramallo, Neuwalme, Nodosa, Norinver Montajes e Ingeniería, Pérez Torres Marítima, Pipeworks, Prometal Tecnología e Innovación, Propulsión y Generación, Protecnavi, Soluciones Eléctricas y Metalúrgicas, Talleres Ganomagoga, Talleres Navales Ruiz, Tesol, Thune Eureka, Viguesa de Calderería, Viguesa de Granallados.

Enrique M. Mallón, manifestou que: “as enerxías offshore son na actualidade unha das liñas de traballo prioritarias para os principais axentes enerxéticos mundiais.” “A enerxía eólica, tanto onshore como offshore, foi a enerxía de maior instalación en 2014, supondo o 43,7% de todas as novas instalacións, seguida da enerxía solar fotovoltaica e en terceiro lugar o carbón.”

Ademais engadiu que: “o tecido industrial e as infraestruturas portuarias galegas, posúen unha gran solidez, forxada ao longo dos anos, froito do traballo das nosas empresas e institucións. Xunto coa experiencia e know-how do sector metalúrxico, o noso sector converteuse nun alicerce indispensable na economía da nosa comunidade. Galicia, convértese desta forma nunha posible potencia industrial no campo da enerxía offshore”.

Enrique M. Mallón, indicou que: “A EWEA 2015 está a permitir a ASIME e ao sector metalúrxico galego, coñecer de primeira man novas opcións estratéxicas de incursión no mercado eólico enerxético mundial. O potencial do mercado existente e as vantaxes competitivas do naval galego son factores que animan a seguir traballando neste ámbito nos próximos anos.” “ASIME e o GOE coordinaron a participación conxunta dos nosos asociados nesta feira, debido ao seu enorme tamaño, a gran diversidade na procedencia dos expositores e os seus relatorios de gran calidade”.

Por último engadiu que: “temos unha cadea de valor completa para participar con máis protagonismo no mercado europeo.” “O Galician Offshore Energy Group (GOE) proporciona toda a industria complementaria para que todos os proxectos sexan un éxito, ofrecendo todos os servizos e produtos para a construción e mantemento de parques eólicos mariños e traballando no desenvolvemento de plataformas flotantes para o sustento de torres eólicas.”

Ademais volveu recalcar que: “atopámonos ante o maior crecemento industrial nas dúas últimas décadas, xa que en dous anos instaláronse máis de 4.000 MW cun investimento superior a 14.000 millóns de euros. As cifras de crecemento da eólica mariña son reais e motivadoras, cunha necesidade de creación de 100.000 empregos novos e 124.000 millóns de euros de investimento en Europa até o ano 2020.”

Por último apuntou: “estamos a comprobar o bo ambiente de negocio e o empuxe, así como a previsión que ten esta industria, que é para ASIME e para máis de 200 empresas englobadas en ASIME, unha oportunidade única de crecemento da carga de traballo nun segmento de mercado en crecente desenvolvemento”.

18 de novembro de 2015 | 11:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.