As Xornadas de Psicoloxía e Saúde reúnen máis dun cento de profesionais en Lugo
Máis de cen profesionais da psicoloxía de Galicia danse cita a partir de mañá e ata o sábado 21 no encontro anual máis relevante do sector: a vixésima edición das Xornadas de Psicoloxía e Saúde que organiza o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. A identidade e a personalidade serán as protagonistas nesta ocasión, tendo como lugar de celebración o Pazo de San Marcos da capital lucense. Trátase da segunda vez que este encontro científico-profesional é acollido pola cidade de Lugo, despois de 2001.
Nesta edición, as Xornadas buscan fomentar o intercambio de coñecementos e a experiencia clínica respecto á conceptualización da personalidade e da identidade no actual contexto social, así como o seu manexo desde a psicoterapia. Unha temática atractiva para os psicólogos e psicólogas galegas, que viñan manifestando a demanda dunha abordaxe en profundidade sobre os trastornos da personalidade. Estas Xornadas contan co apoio da Deputación de Lugo, do Concello de Lugo, de Caixa Rural Galega e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (APEHL).
Mañá xoves ás 17.30 horas dará comezo a programación coa actividade previa dun obradoiro, co que traballar en profundidade desde unha perspectiva aplicada. Tratará sobre a intervención integradora nos déficits metacognitivos en Trastorno Límite da Personalidade, e estará impartido polo psicólogo clínico Ignacio Serván García, que exerce na Unidade de Trastornos de Personalidade da Clínica San Miguel de Madrid.
O venres 20 de novembro ás 9:30 será a inauguración oficial coa presenza dos representantes institucionais da Deputación do Lugo e do Concello de Lugo, ademais da Presidenta do Comité Organizador, Delia Guitián, e do vogal da Xunta de Goberno do COPG, Víctor Torrado. Tras este acto, terá lugar a primeira intervención por conta do profesor de Antropoloxía do Parentesco e Familia do Departamento de Antropoloxía Social da Universidad Complutense de Madrid, Fernando Barbosa Rodrigues, que ofrecerá unha conferencia co título “Antropoloxía, personalidade e identidade(s); un tecido de relacións e elementos”. Despois darán comezo as mesas temáticas, a primeira abordará o poder, a violencia e a identidade, coa participación do xefe de servizo de Psiquiatría do Hospital Lucus Augusti, o psiquiatra Luis Vila Pillado, que reflexionará sobre a personalidade autoritaria; xunto co psicólogo clínico do Complexo Hospitalario da Coruña, Gonzalo Martínez Sande, que falará da presenza da violencia; e pechará esta primeira mesa a xornalista da TVG Ana Expósito Valle para abordar o poder do medo.
Xa na tarde do venres collerá o relevo a mesa sobre o desenvolvemento e cambios na identidade e na personalidade. Comezará cunha intervención sobre a avaliación psicolóxica, como evolucionou e sesgos na medida da personalidade por conta da psicóloga clínica e profesora do Departamento de Psicoloxía Biolóxica e da Saúde da Universidad Autónoma de Madrid, Rocío Fernández Ballesteros, que tamén impartirá a conferencia de clausura o sábado sobre o envellecemento activo e os preditores da personalidade e outras variables psicolóxicas. O psicólogo clínico da USM Burela, de Lugo, Mariano Carrero Moure, reflexionará sobre o desenvolvemento social e a personalidade, mentres que Consuelo Escudero exporá a perspectiva da infancia.
A terceira das mesas coa que concluirá a sesión do venres versará sobre a conceptualización, a intervención e a personalidade. Será de novo Ignacio Serván un dos relatores, nesta ocasión para expoñer o traballo intensivo con trastornos de personalidade grave na comunidade terapéutica, e completarán esta mesa dous especialistas de psicoloxía clínica da nosa Comunidade. A primeira será Mª Antonia de Miguel García que tratará a técnica psicoanalítica e a invención dun dispositivo de palabra; para continuar José Manuel González Alonso, que se achegará á personalidade dende un enfoque sistémico.
Na mañá do sábado desenvolverase a última das mesas, que pretende achegar unha ollada máis alá do psicolóxico, e nela daranse cita tres profesionais de distintos eidos. O lingüista e profesor de español na Fundación xeral da Universidad de León, Moisés Hidalgo Salido, centrarase na reconstrución da identidade a través da mediación terapéutica da aprendizaxe con inmigrantes reclusos. Continuará a veterinaria lucense Ángela González Martínez que falará sobre os cans e a súas patoloxías do comportamento e período crítico. Pechará esta mesa o responsable do Grupo de Xenética Psiquiátrica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), para trasladar a ollada da xenética ao ámbito da personalidade.
Previamente a esta mesa a directora do Consello de Redacción do Anuario “Psicoloxía e Saúde”, Marta González Rodríguez, presentará o número 8 desta publicación anual que edita a Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio e que terá como tema o amor. Tamén se dará paso á presentación de comunicacións libres.
Esta iniciativa impulsada polo COPG está recoñecida como unha Actividade de Interese Sanitario por parte da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia. Vai dirixida a psicólogas e psicólogos colexiados; estudantes de Psicoloxía e outros/as profesionais interesados na temática a tratar, os formularios de inscrición están accesibles na páxina web do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. As Xornadas rematarán coa entrega do premio ao mellor póster e á mellor comunicación libre entre os traballos que se presenten.











