As vítimas do accidente do Alvia din sentirse ofendidas por Ana Pastor
Vítimas do accidente do tren Alvia en Santiago aseguraron sentirse “ofendidas” pola actitude da ministra de Fomento, Ana Pastor, quen, pola súa parte e por segundo día consecutivo, volveu evitar dar unha resposta ás palabras do seu antecesor no cargo, o socialista José Blanco, quen apuntou a responsabilidades durante o mandato da popular no sinistro no que morreron 81 persoas e 144 resultaron feridas.
En concreto, Pastor foi cuestionado sobre as críticas que a Plataforma Vítimas Alvia 04155 expresou a través das redes sociais este xoves. A xuízo desta asociación, “se a actual titular de Fomento colaborase, non se pecharía a instrución”, polo que creen que les “ofende”. Interrogada sobre este sentimento das vítimas, a titular de Fomento preferiu non entrar no asunto.
De feito, volveu ofrecer “apoio” ás vítimas e ás súas familias e “colaboración” coa administración de xustiza cando foi interpelada polo malestar que causa nos afectados polo descarrilamento en Angrois que esta sexa a única afirmación con que afronta o tema cada vez que se lle require por este.
“Dicirlle que, como dende o primeiro día, estamos para apoiar as vítimas, ás súas familias e colaborar coa xustiza; e iso é o que fixemos e iso é o que imos seguir facendo durante sempre”, limitouse a dicir, antes de resolver o asunto cun “moitas grazas”.
Ante a insistencia sobre as palabras do exministro Blanco, quen o martes recibiu ás vítimas en Bruxelas e defendeu ante elas non ter responsabilidades no sinistro -desviou as mesmas á xestión da súa sucesora no ministerio-, Pastor afirmou non ter máis que dicir que o xa dito. “Que é a miña colaboración sempre e o meu apoio ás vítimas e aos seus familiares, e tamén esa colaboración coa administración de xustiza”, finalizou.
SEN ERTMS
Blanco inaugurou a liña Ourense-Santiago cun proxecto modificado que supuxo a eliminación do sistema de control de velocidades ERTMS dos 8 últimos quilómetros da vía -onde se produciu o accidente-. A continuación, xa con Ana Pastor en Fomento, autorizouse a desconexión do ERTMS embarcado porque daba fallos de interferencias.
Este sistema, aínda sen existir na vía, serviría de aviso ao maquinista, que conducía despistado por unha chamada telefónica e chegou á curva da Grandeira cun exceso de velocidade.











