As Escolas Municipais de Atletismo terán a súa primeira competición o sábado
Tras un mes de intenso traballo toca empezar a ver o froito e mañá sábado os atletas da Escola Municipal de Atletismo, que patrocina o Instituto Municipal de Deportes, terán a súa primeira competición, coa I Xornada do Xogatlon, unha actividade na que prima a formación máis que a competición e na que os nenos e nenas, realizarán a partir das dez da mañá, tres probas atléticas, nesta ocasión unha carreira de 60 metros, o salto de lonxitude e o lanzamento de peso.
O peche temporal da pista de atletismo do CGTD de Pontevedra, obríganos a desprazarnos ao Pavillón do CEIP A Xunqueira II, que se adaptará para poder levar a cabo a actividade.
Serán os propios monitores e os voluntarios da Sociedade Ximnástica, os que dirixan esta primeira xornada do XOGATLON, unha xornada intensa de apenas unha hora, que concluirá ás once da mañá.
A Ximnástica divídese o vindeiro domingo
Dúas importantes carreiras celébranse o vindeiro domingo, Negreira acolle o trinta e seis edición da súa carreira popular e Vigo celebra a súa Vigo+11. Dúas citas simultáneas que obrigan aos atletas pontevedreses a decantarse por unha ou outra.
Como principais atletas pontevedreses a seguir serán a muller Joselyn Brea que volve a escena tras a súa magnífica vitoria en Santiago e Robertas Geralavicius que en Vigo tentará tamén seguir pola senda do triunfo, despois de gañar a semana anterior en Rianxo.











